DEPORTES

O Concello destina 300.000 euros ás subvencións para o deporte federado

30/09/2022 A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, anunciou esta mañá en rolda de prensa a apertura do plazo para solicitar as axudas municipais dirixidas ao deporte federado. As bases da convocatoria foron aprobadas onte nunha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local e contemplan axudas por un importe total de 300.000 euros.

A "Convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ao fomento do deporte federado" para o ano 2022, está concebida para prestar apoio económico ás entidades deportivas locais de carácter federado, non mercantís, non profesionais, e sen ánimo de lucro, a través do financiamento dos gastos derivados da súa participación nas competicións deportivas establecidas nos calendarios oficiais das federacións autonómicas e nacionais. Estas axudas contarán este ano cun orzamento de 300.000 euros, 50.000 euros máis que a pasada convocatoria.

Poderán acceder a estas subvencións as entidades deportivas que participen en competicións oficiais federadas, con sede social no Municipio de Santiago e que figuren inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, e no Rexistro da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

A subvención poderá cubrir gastos efectuados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do 2022, e relacionados co pagamento de licenzas, desprazamentos e aloxamento dos equipas e deportistas, arbitraxes, de material deportivo, médico, inscricións ou seguros, entre outros.

O formulario de solicitude estará dispoñible na sede electrónica do Concello de Santiago, no trámite "Solicitude de subvención", unha vez se publique a convocatoria non BOP, probablemente a mediados da semana que vén, e terán que ir acompañadas pola documentación esixida.

Documentos relacionados



Compartir: