MEDIO RURAL

As obras de ampliación da rede de saneamento en Ponte Alvar darán servizo a unha corentena de vivendas

04/08/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado do concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, vistou hoxe as obras de saneamento de Ponte Alvar, na parroquia de San Xoán de Fecha, que van dar servizo tanto a este núcleo poboacional como ao lugar de Albudiño, que contan, en conxunto, cunha corentena de vivendas.

Segundo explicou José Manuel Pichel, trátase dunha ampliación da rede de abastecemento, unha actuación "demandada e moi necesaria para a veciñanza", que contou cun investimento de 130.420 euros. "A día de hoxe", sinalou, "déronse de alta 28 vivendas". O resto poden adherirse á rede cando o soliciten, pagando a correspondente tarifa de acometida. As actuacións, que se prolongaron durante dous meses e medio, rematarán, segundo o concelleiro, "entre mañá e o luns".
O concelleiro de Medio Rural tamén informou que en paralelo estanse desenvolvendo a ampliación das redes de abastecemento e saneamento nas parroquias de Aríns, Laraño e Sabugueira; por un importe de 135.420,01 euros; e a de Piñeiro de Enfesta, Frades e Gunín, na parroquia de Enfesta por un importe de 74.189,41 euros.

A continuación, Sánchez Bugallo e José Manuel Pichel visitaron A Barciela, onde se están levando a cabo as obras de posta en valor da contorna residencial do Camiño Inglés e o acceso ao conxunto parroquial" por importe de 166.420 euros. Afecta a un tramo de 145 metros de lonxitude, e contempla a creación dunha área de preferencia peonil para as persoas residentes, a renovación e soterramento das redes municipais de abastecemento, pluviais e alumeado, así como a preinstalación soterrada das redes de electricidade e telecomunicación. A actuación completarase coa instalación da sinalización viaria do tramo e coa conexión coa estrada nacional N-550.

Nesta zona tamén se está levando a cabo a mellora do vial dende o entorno da N-550 en Barciela ata Casas de Arriba en Cesar, no tramo comprendido entre a igrexa de San Andrés de Barciela e o cruce de Candelabeira, por un importe de 231.420 euros.

Neste momento, o Concello de Santiago de Compostela ten en execución seis obras de saneamento e mellora vial na zona rural por un importe conxunto de 846.025,56 euros, co obxectivo de facilitar o seu desenvolvemento. Estanse a desenvolver durante este verán, promovidas pola concellería de Medio Rural; unha parte con cargo a fondos propios do Concello de Santiago e outras no marco do POS+ en coordinación coa Deputación Provincial da Coruña.

Compartir: