POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

Hoxe arranca Contos no Parque, un ciclo gratuíto para os máis cativos, que se desenvolverá durante todo agosto

02/08/2022 Todos os martes do mes de agosto, o parque de Bonaval acollerá Contos no Parque, unha proposta do departamento de Lingua do Concello de Santiago dirixida aos e ás máis pequenas da casa. As actividades do Apego saen fóra este mes para invitar á cativada a escoitar, participar e socializar en galego cada semana ás 18 h na zona dos arcos do parque de Bonaval.

O ciclo arrancará esta tarde coa obra ‘A caixa sen Pandora’ de Teatro Ghazafelhos dirixida á cativada maior de 4 anos. Trátase dunha historia interactuada con Montse Piñón e Pepablo Patinho que propón unha pregunta: que pasaría se Pandora non abrira a caixa? De aquí parte un repaso divertido de mulleres que decidiron romper ca norma establecida e abrir a súa propia caixa iniciando un movemento imparable pola igualdade, e rematamos cunha nova pregunta, quereremos nós abrir a nosa propia caixa?

Programación

9 de agosto- Xarope Tulú. "Roupa tendida" (+4 anos)
Un espectáculo que combina a narración oral coa manipulación de obxectos da man de Atenea García para achegar dous mundos: a literatura de tradición oral e a literatura contemporánea combinando ambos repertorios e procurando que dialoguen entre si. As maiores da casa contan que cando eran cativas, ao caer da noite, a xente sentaba arredor do lume para contar historias. Para as pequenas, aquel era o mellor momento do día.

16 de agosto - Marta Ortiz. "Coser e cantar" (+4 anos)
Con fío, agulla e dedal enfíame un conto xa! Comezamos a viaxe nun taller de costura, un lugar máxico aos ollos da nena protagonista que escoita contos, copas, cancións en boca da súa avoa, nai e tía mentres traballan. Contos tan antigos como o oficio da costutura. Puntada a puntada percorreremos mundos onde os fíos falan, as caixas de costura abren as portas da fantasía e os bastidores de bordar son ventás onde asomarse a historias prohibidas.

23 de agosto - A xanela do Maxín. "Lúa quere viaxar...a Marte!" (+3 anos)
Despois de dar a volta ao mundo, Lúa sorprende a familia e amizades cunha gran nova: Agora quere ir a Marte! Malia todos os atrancos e dificultades, Lúa non está disposta a renunciar ao seu soño de ser astronauta e fará todo o posible para logralo. Hai e houbo grandes mulleres científicas, investigadoras e astronautas, que son o referente de Lúa para seguir adiante e enfrontarse aos impedimentos que se lle queren impoñer.

30 de agosto

Xogos Miudiño. "Terra" (+1 ano)
Espazo de xogo con material natural non estruturado. Terra é un paso máis na nosa concepción do xogo. Ficamos abraiados polas múltiples posibilidades do material natural non estruturado (pólas, liscos de madeira, pedras, cana…) e todo o beneficio que o seu emprego supón para as creativas cabeciñas da nosa cativada.

Bea Campos. "Orella pendella" (+ 1 ano)
Obradoiro no que aprender contos, ditos e cancións recollidos na web do proxecto do mesmo nome e acompañadas por música en directo

Direccións relacionadas



Compartir: