CULTURA

A banda deseñada será a protagonista das II Xornadas da Francofonía

19/04/2007 A Facultade de Filosofía e a Aula de Cultura de Caixa Galicia acollen as II Xornadas da Francofonía do 23 ao 26 de abril, este ano dedicadas á banda deseñada. A Concellería de Cultura colabora con este evento, organizado pola Facultade de Filoloxía, polo Centro de Linguas Modernas da Universidade de Santiago, pola Alianza Francesa, pola Asociación de Profesores de Francés de Galicia e pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago.

O programa inclúe varias actividades culturais e lúdicas. As xornadas abriranse o luns 23 na Facultade de Filosofía (Praza de Mazarelos), ás 19:30 horas, coa inauguración da exposición "O cómic francófono e a súa influencia en España", unha mostra con creacións literarias sobre a francofonía e a banda deseñada. A continuación, conferencia do guionista Carlos Portela, co título"De Tintín a Persépolis, historia e influencia da BD francesa no cómic español".

Na xornada do 24, na Aula de Cultura de Caixa Galicia (Carreira do Conde) proxectarase ás 12:00 horas o filme de animación "Le roi et l’oiseau (1980), de Paul Grimault, con subtítulos en castelán. Pola tarde, ás 20:00 exhibirase outra película, "La prophétie des grenouilles" (2003), de Jacques-Rémy Girerd, tamén con subtítulos en castelán. Este mesmo calendario repetirase ao día seguinte, cos horarios cambiados.

As xornadas clausuraranse o día 26 na Facultade de Filosofía ás 20:00 horas. Entregaranse os premios e, despois, na Igrexa da Universidade, concerto de Ignatus, que fará a súa peculiar performance pop para o público compostelán.

O francés, dende o punto de vista xeopolítico é a segunda lingua internacional: ademais de lingua de traballo na ONU e na UNESCO, é a lingua da administración e do ensino en máis de cincuenta estados. Na Unión Europea o francés e o terceiro idioma máis falado.

Estas II Xornadas de Francofonía foron presentadas polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego. Acompañárono Martazul Busto, do centro de Linguas Modernas da USC; Mikael Bonnot, da Alianza Francesa; e Carlos Valcárcel, do departamento de Filoloxía Francesa e Italiana da USC.

Compartir: