POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello asina novos convenios con FEAFES, Don Bosco, Asociación Sarela e Fundación Andrea por un importe total de 71.000 euros

05/07/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado pola concelleira de Políticas Sociais Mila Castro, asinou esta mañá cinco novos convenios por un importe total de 71.000 euros. Os acordos subscritos hoxe foron con FEAFES, Don Bosco, Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela e Fundación Andrea, e súmanse aos 5 convenios asinados a semana pasada con Proxecto Home, Cáritas, a Cociña Económica e o Albergue Xoán XXIII por un importe total de 315.000 euros

O convenio de maior contía foi o asinado coa Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES) e o seu presidente José Ramón Girón García, cunha achega total de 60.000 euros para o desenvolvemento dun programa de atención a persoas con enfermidade mental crónica e persoas sen fogar ou en grave risco de exclusión. Este programa pretende dar resposta á situación de carencia de necesidades básicas, entre elas a vivenda, pola que atravesan estas persoas, en grave risco de exclusión, e as súas familias, facilitando a atención e os recursos necesarios para mellorar a atención social e sanitaria e súa calidade de vida.

O Concello tamén asinou un convenio por valor de 5.000 euros coa Escola de Tempo Libre Don Bosco para apoiar o desenvolvemento do proxecto de intervención educativa e integración no tempo libre "Un lugar para ti". Está deseñado para favorecer a conciliación nas familias, e especialmente as máis vulnerables, como as familias inmigrantes, un colectivo cada vez máis presente na nosa cidade. Trátase de ofrecer aos rapaces e as rapaces os 4 e os 17 anos unha serie de actividades de tempo libre que sirvan como ferramenta educativa e de adquisición de diferentes valores e para evitar a exclusión social dentro dun contexto atractivo e divertido. Á sinatura asistiu o presidente da entidade, Xesús María Vilas Otero.

A Asociación de Dano Cerebral de Compostela (SARELA), a través do seu presidente, José Balboa Ayán, foi outra das entidades asinantes no día de hoxe. A achega de 3.000 euros do Concello contribuirá á realización dunha actividade de terapia acuática que emprega as características mecánicas da auga con fins terapéuticos, xa que a persoa con Dano Cerebral Adquirido pode desprazarse con maior liberdade e sen risco de caídas, favorecendo a súa autoconfianza e seguridade.

Finalmente, o alcalde asinou un convenio coa Fundación Andrea por un importe de 3.000 euros. Con este acordo preténdese apoiar un programa de tratamento psicoterapéutico para as familias con fillos/as con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais a través de terapias individuais, en parella ou grupais. Á sinatura acudiu a súa presidenta, Charo Barca Fernández.

Compartir: