MODERNIZACIÓN DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

En marcha o proxecto piloto que prestará asistencia á cidadanía á hora de realizar trámites na sede electrónica do Concello

01/07/2022 O CSC do Ensanche, o Rexistro de Galeras e a Concellería de Medio Rural contan desde hoxe con cadanseu equipo que permitirá a toda aquela persoa que o precise, contactar con persoal do Concello que lle guiará ou actuará como representante do cidadán ante calquera trámite que queira realizar.

O alcalde Xosé Sánchez Bugallo presentou esta mañá nas dependencias da Concellería de Medio Rural un proxecto piloto de asistencia remota á cidadanía para facilitar o uso da Administración Electrónica. Desenvolvido polo Departamento municipal de Modernización da Administración Local que dirixe a concelleira Marta Abal, o obxectivo deste novo servizo é achegarse á cidadanía con máis dificultades para acceder aos servizos en liña e loitar así contra a fenda dixital. Durante a presentación, o rexedor estivo acompañado polo concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel e por Cruz Vázquez Veiga, presidenta da Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (Ferusa), que probou de primeira man o funcionamento da nova prestación.

Xosé S. Bugallo explicou que coa posta en marcha deste novo servizo "cúmprese o compromiso que adquirimos no pleno do Estado do Municipio, xa que somos moi conscientes de que os cambios na Administración Electrónica xeran dificultades nun segmento importante da poboación, especialmente na zona rural e para as persoas de maior idade." O alcalde anunciou que este proxecto, que se inicia con carácter experimental en 3 puntos, "ampliarase a máis centros a partir do mes setembro, tanto na cidade como no rural" e que "para finais de ano, prevese a posta en marcha dun servizo de asistencia 24 horas, 7 días á semana que poderán empregar as persoas desde o propio domicilio ou desde calquera lugar con acceso a internet".

Nesta primeira fase deste proxecto piloto estarán dispoñibles tres equipos: no Centro Sociocultural do Ensanche, no Rexistro Municipal de Galeras e na sede da Concellería de Medio Rural no parque empresarial de Costa Vella (rúa da República Checa, 52, 1º - local 105), que permitirán a toda aquela persoa que o precise, poñerse en contacto cun empregado municipal que o guiará para levar a cabo calquera trámite que queira realizar na sede electrónica municipal. No futuro, o proxecto podería estenderse a outras áreas como as de turismo, protección civil, oficina tributaria, etc.

Trátase dun proxecto que xa foi implantado con éxito en diferentes zonas do mundo como para a Comisión de Saúde e Seguridade Social do Estado de Texas, para os servizos gobernamentais na cidade de Niza ou para os servizos municipais na cidade de Ashdod (Israel) e que é a primeira vez que se leva a cabo en Galicia.

Compartir: