TURISMO

Santiago promociónase como destino de eventos profesionais nos mercados belga e holandés

28/06/2022 O Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), servizo de Turismo de Santiago para a promoción de Santiago como destino de Congresos, participou do 24 ao 26 de xuño en Vitoria nunha xornada de promoción organizada pola Spain Convention Bureau e coordinada polas Oficinas Españolas de Turismo de Bruselas e Amsterdam. O obxectivo é aproveitar as conexións directas tanto con Bélxica coma cos Países Baixos do Aeroporto de Santiago, ampliando a posibilidade de acoller eventos internacionais destes mercados.

No encontro participaron doce das principais axencias organizadoras de eventos e meeting planners belgas e holandeses, que asistiron a estas xornadas para coñecer máis polo miudo as posibilidades e a oferta dos destinos participantes para Congresos, Xornadas, Encontros e Incentivos.

O Santiago de Compostela Convention Bureau presentou os atractivos, servizos e recursos cos que conta Santiago para o sector MICE en mesas de traballo nas que tivo oportunidad de entrevistarse persoalmente con cada unha das axencias participantes. Neste sentido, unha das fortalezas de Santiago é contar con conexión aéreas directas con ambos países.

Esta acción do SCCB cara o mercado internacional é complementaria coa súa recente participación a comezos de mes no Iberian Mice Forum, un encontro no que se reunen os principais representantes tanto da oferta como da demanda deste segmento de mercado adicado á organización de eventos corporativos en España.

A participación do SCCB nestes encontros enmárcase na estratexia de Turismo de Santiago de continuar co posicionamento de Compostela como un destino ideal para que empresas e entidades organicen os seus eventos na cidade, xa que se trata dun nicho de mercado que aporta un alto valor engadido polo elevado gasto medio dos participantes neste tipo de eventos e fomenta a desestacionalización.

Neste sentido, cabe apuntar que o sector dos congresos, un dos máis golpeados pola crise xerada polo coronavirus, está vivindo unha reactivación constante nos últimos meses, cun relevante número de congresos previstos para o outono que anticipan a recuperación do sector.

Compartir: