POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello asina novos convenios con Proxecto Home, Cáritas, a Cociña Económica e o Albergue Xoán XXIII por un importe total de 315.000 euros

27/06/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asinou esta mañá cinco novos convenios por un importe total de 315.000 euros. Os acordos subscritos hoxe foron con Cáritas, Proxecto Home, a Cociña Económica e o Albergue Xoán XXIII. Estes acordos, impulsados pola Concellaría de Políticas Sociais, que dirixe Mila Castro, teñen como obxectivo garantir a calidade de vida da cidadanía e unha orde social máis xusta e solidaria.

Xosé S .Bugallo salientou que a firma destes cinco convenios, que se concretará nunha achega municipal de 315.000 euros, só é "unha parte da colaboración permanente e estable establecida entre o Concello e estas entidades co fin de axudar a todo tipo de persoas, cada unha cunhas necesidades moi deiferentes". "A idea é traballar entre todos para poder prestarlles un apoio o máis integral posible", engadiu o rexedor.

Un dos convenios de maior contía foi o asinado con Cáritas e o seu director José Anuncio Mouriño, cunha achega total de 120.000 euros para o desenvolvemento dun programa de atención primaria, que ten como obxectivo acoller as persoas que pasan por algún tipo de dificultade, sexa do tipo que sexa. Este servizo vén complementado tamén polo apoio dos Servizos Sociais municipais co que se busca responder dun xeito integral ás situacións de extrema gravidade. O Concello tamén achegará unha partida de 30.000 euros a Cáritas Vagalume para o desenvolvemento dun programa de acompañamento a mulleres en contextos de prostitución co obxectivo de prestar unha atención integral ás mulleres e lograr o seu empoderamento persoal, de saúde e socio-laboral.

O Concello tamén asinou un convenio por valor de 45.000 euros con Proxecto Home co obxectivo de desenvolver o Programa de Cocaína. Está deseñado para favorecer a rehabilitación e reinserción social de persoas adictas aos psicoestimulantes, fundamentalmente cocaína, que manteñen a súa estrutura familiar, social e laboral, ou son susceptibles de recuperar estas redes sen demasiadas complicacións e cun nivel de adicción que poda permitir a ruptura co mundo das drogas dentro dunha nova perspectiva de acceso ao traballo e de responsabilización da súa vida dende o primeiro momento. Á sinatura asistiu o director da entidade, Ramón Gómez Crespo.

A Cociña Económica, a través do seu presidente, Manuel José Botana, foi outra das entidades asinantes no día de hoxe. A achega de 60.000 euros do Concello contribuirá a garantir as necesidades de manutención básica para que as persoas sen recursos para que poidan acceder a alimentos e comidas a prezos módicos.

Finalmente, o alcalde asinou un convenio con Albergue Xoán XXIII por un importe de 60.000 euros. Con este acordo preténdese contribuír ao mantemento dos servizos de aloxamento e acollida nocturna e diúrna tanto para persoas individuais como para unidades familiares. Ademais do aloxamento, o albergue proporciona servizos de hixiene, roupeiro, alimentación, formación, información e asesoramento, derivación e atencións no ámbito laboral, xurídico, sanitario… Á sinatura acudiu o seu director, o frade Miguel de la Mata Merayo.

Compartir: