ANO SANTO

O alcalde destaca o papel do Camiño de Santiago na construción da Europa actual

25/06/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou na inauguración da xornada "Os camiños de Santiago e outros itinerarios culturais: visións desde Europa", que Europa se foi construíndo arredor desas rutas de peregrinación cara Compostela que saían desde os distintos países do vello continente. O rexedor sinalou, na súa intervención, que os europeos aportamos ao mundo "os dereitos humanos, as liberdades políticas, a democracia, a cultura nos termos que coñecemos actualmente… Moitísimas cousas e todas elas atopan nos Camiños de Santiago a súa mellor expresión".

Na súa exposición, Sánchez Bugallo, indicou que "durante moitos séculos, en todos os territorios de Europa establecéronse decenas de rutas de peregrinación cara Santiago, que implicaron a construción da maior rede hospitalaria coñecida na historia da humanidade, o desenvolvemento dun dereito de xentes que facía que unha persoa, falara a lingua que falara e viñera de onde viñera tiña dereito á protección de vir e volver pacificamente á súa terra".

Pero, engadiu, "os Camiños de Santiago medran tamén como un espazo de convivencia entre persoas distintas. Creo que iso posibilitou o éxito actual" da ruta xacobea. "Que persoas dos cinco continentes, de máis de 180 países, de relixións e culturas completamente diferentes atopen o seu punto de encontro nos Camiños de Santiago, seméllame algo extraordinario. E na crise que hoxe está vivindo Europa, os Camiños de Santiago tamén teñen moito que ofrecer: como espazo de encontro colaborativo entre toda a cidadanía europea, sexa cal sexa a súa forma de pensar, a súa relixión ou a súa ideoloxía política". Pero tamén, continúa, son punto de encontro para que "todos reflexionemos sobre o que nos une aos europeos".

Na apertura do congreso que se desenvolverá durante todo o día no Museo das peregrinacións, tamén interviron Francisco Millán Mon, presidente do Intergrupo "Patrimonio Cultural Europea, Camiños de Santiago e outras rutas culturais europeas", organizador das xornadas xunto á Xunta de Galicia (a través do Xacobeo 21-22); e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Compartir: