BARRIOS E OBRAS

A concellaría de Obras traballa nun novo proxecto de rexeneración asfáltica, xurdido das aportacións veciñais, que afectará a dez rúas da cidade

16/06/2022 O concelleiro de Barrios e Obras, Javier Fernández, presentou hoxe o anteproxecto de rexeneración asfáltica que permitirá renovar, nos próximos meses, dez rúas da cidade, que suman, en total, 24.268 metros cadrados de superficie. A proposta conta cun orzamento estimado de 421.734,31 euros.

Este anteproxecto xurde, segundo explicou o concelleiro, "da reunión mantida o pasado 17 de febreiro coas asociacións da zona urbana, na que aportaron as súas demandas: 59 actuacións que consideran necesarias". Neste momento, subliñou, xa se actuou en 18 vías, na zona de Santa Marta, nas que se investiron, aproximadamente uns 170.000 euros.

Unha vez se remate con estes dez viais, a metade das actuacións de asfaltado propostas pola veciñanza estarán completadas. Estas dez rúas son Alfredo Brañas, Santiago de Chile, rúa das Canteiras do Sar, rúa dos Forniños, rúa de Amio, Travesa da Estrada, rúa do Combarro-calzada do Combarro, rúa de Diego Bernal, rúa do Pino e rúa de Mallou de Abaixo.

A continuación está previsto continuar cunha segunda proposta que afectará ás rúas Avenida do Burgo das Nacións, rúa da Presa, rúa de Vite de Abaixo, rúa do Campo de Santa Isabel e Costa de Santa Isabel. Un proxecto, sinalou Javier Fernández, "no que estamos traballando para completar, na medida do posible, todas as actuacións que eles consideraron prioritarias", en referencia ás asociacións veciñais.

De todos estes proxectos darase de novo traslado ás "asociacións por se consideran necesario introducir algunha aportación ou realizar algún cambio", indicou.

As actuacións de rexeneración asfáltica consisitirán, fundamentalmente, no fresado integral das superficies, e unha reposición bituminosa en quente de 5 cm. Ademais, sinalou Javier Fernández, "vanse mellorar os drenaxes para solventar problemas de asolagamento en rúas como travesa da Estrada e Diego Bernal. Tamén levaremos a cabo o pintado dos viais, asi como a limpeza das canaletas. No caso que haxa que sustituir as tapas dos sumidorios, tamén se realizará".
Na rolda de prensa, o concelleiro estivo acompañado do arquitecto xefe do Servizo de Proxectos e Obras, Antonio Ranedo.

Documentos relacionados



Compartir: