CENTROS SOCIOCULTURAIS

O programa Vive o Verán 2022 oferta 2.000 prazas para un cento de sesións de actividades como música ao vivo, baile, esgrima, roteiros ou obradoiros

02/06/2022 Hoxe comezan a desenvolverse as actividades do programa "Vive o Verán 2022", organizado pola rede de Centros Socioculturais, que oferta, nos meses de xuño e xullo, aproximadamente 2.000 prazas para actividades culturais e de ocio, repartidas en 100 sesións en diferentes localizacións e horarios. A primeira das actividades é Terrazeando, unha proposta novidosa de música en vivo que terá lugar hoxe, ás oito e media do serán, no CSC de Santa Marta.

Vive o verán é un programa interxeracional, no que poden participar familias, cativada e persoas adultas. Presentouno hoxe o concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, acompañado a técnica de programación Lourdes de la Cruz Pérez, e das animadoras socioculturais e coordinadoras do programa Yovana Quintanar Rodriguez e Sandra Freire López. Está dividido en nove bloques: "Xogos na Ferradura"; a música en vivo de Terrazeando; as actividades saudables do "Verán nos parques", as actividades programadas dos "Clubs de Verán"; os "Espectáculos de Verán", a "Aula de creatividade", as "Cativadas de verán", os roteiros de "Paseando no verán"; e "Centros Socioculturais abertos de tarde. Durante os meses de xullo, os centros do Ensanche, Fontiñas, da Trisca e do Romaño, abrirán de tarde.

Mañá, 3 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Xogo, estaba previsto que se desenvolveran distintos xogos na Alameda que ante as previsiónsmeteorolóxicas se trasladan ao 10 de xuño. Todas as accións previstas son de balde, agás as Cativadas de verán.

A programación pode consultarse na web do concello, nas redes sociais dos Centros Socioculturais, e nos mesmos centros. A información das distintas actividades pode descargarse escaneando os códigos QR que aparecen nos folletos informativos. En cada unha das actividades virá indicado o procedemento e lugar de inscrición, que será o centro desde o que se organice a actividade.

Do programa "Vive o verán 2022" o concelleiro destacou a atención que presta a distintas idades, facilitando o encontro e o ocio familiar e interxeracional, con especial atención ás familias e á conciliación. Unha programación que, indicou, "retoma un modelo de propostas variadas que se enriquece constantemente, e no que destacan programas con temáticas de interese emerxente, como o medio ambiente ou o coñecemento da cidade, que se poderían considerar puntos nucleares da proposta programática, xunto aos aspectos lúdicos e de lecer. De xeito paralelo, non se esquece a creatividade e o ocio, con esa novidade de terrazeando, nun momento en que a xente demanda máis interrelación, despois dos duros meses de pandemia e post-pandemia".

Actividades novidosas, como esgrima medieval; baile nos parques: ou "Pintamos no parque", obradoiros de pintura e debuxo para maiores de seis anos impartidos por Paula Paradela. E outras con gran aceptación en anteriores edicións, como taichi; "Paseando no verán", con roteiros en contacto coa natureza (omo o das herbas de San Xoán, o de indentificación de plantas mediciais, ou o de "Rutas a pé polo ríos e regatos"); e os "Paseos de barrio", que este ano incorporan a veciños e veciñas que explicarán como era antes esa zona e como se "vivencia" o barrio, segundo explicou Lourdes de la Cruz.

A animadora de Centros Socioculturais, Sandra Freire, destacou o extenso programa de Vive o Verán 2022 e convidou a toda a cidadanía a participar. Pola súa Banda, Yovana Quintanar, resaltou os "Clubs de verán" que se van desenvolver nos Centros Socioculturais de Fontiñas, O Castiñeiriño, Conxo e O Ensanche, destinados á cativada de 7 a 14 anos, e a "Aula de Creatividade", que terá lugar en Fontiñas.

Documentos relacionados



Compartir: