FESTAS

A programación da Festa do Banquete prevista para o domingo 22 trasládase ao vindeiro domingo 29 de maio debido o mal tempo

20/05/2022 Por mor da previsión meteorolóxica para este domingo 22 de maio, anúlanse todos os actos programados da Festa do Banquete que estaban previstos na Carballeira de Conxo, e trasládanse ao vindeiro domingo, 29 de maio. As actividades de hoxe venres 20, e mañá sábado 21, manterase sen ningún cambio na programación. O Mercado do Libro e da Artesanía na praza Aurelio Aguirre de Conxo tamén seguirá co horario e actividades previstas tanto o sábado como o domingo.

As condicións metereolóxicas adversas previstas para este domingo, levaron ao Concello de Santiago a tomar a decisión de cancelar todos os actos da Festa do Banquete que estaban programadas para esta xornada e trasladalos ao vindeiro domingo 29 de maio. O tren turístico que cobre o percorrido entre a Alameda e o barrio de Conxo tampouco prestará este servizo este domingo 22 de maio, aínda que se mantén o sábado.

Deste xeito, as actividades que quedan aprazadas son as seguintes: as recreacións teatrais "Alá van estudantes e artesáns", "Baixamos ao bosque do Banquete" e o "Banquete de Conxo"; o pregón da Festa; o concerto da Banda Municipal de Música de Santiago; o xantar e romaría popular; o Serán da Fraternidade; as actuacións musicais e os discursos de despedida

Manteranse, sen embargo, a programación prevista para os dous primeiros días da Festa que arrancou esta mañá coa representación teatral do Pequeno Banquete por parte do alumnado do CEIP Quiroga Palacios, o IES Arcebispo Xelmírez II e o CPR Santa Apolonia, e que contou coa visita do alcalde Xosé Sánchez Bugallo.

3º Mercado do Libro e da Artesanía
Non haberá ningún cambio con respecto á celebración do Mercado do Libro e da Artesanía que se manterá os días 21 e 22 de maio na praza Aurelio Aguirre e que poderá visitarse en horario de mañá e de tarde.

Baixo a organización do Departamento de Comercio do Concello, este espazo acollerá 20 expositores dos sectores do libro e da artesanía así como mostras de xogos populares, presentacións de libros, recitais poéticos, chocolata e as actuacións musicais de Los jinetes del Trópico, Mamá Cabra, Momboi ou Os d’abaixo.

Rosalía no Bosque do Banquete de Conxo
Entre o 14 e o 22 de maio, ao longo do traxecto de baixada do desfile ao Banquete de Conxo, entre a praza de Cervantes e o Bosque do Banquete de Conxo, os viandantes poderán desfrutar da exposición "Rosalía no Bosque do Banquete de Conxo" que pretende difundir a arte figurativa ao mesmo tempo que se fai un recoñecemento aos protagonistas do Banquete de Conxo.

Direcciones relacionadas



Compartir: