MERCADOS

O Recinto Feiral de Amio acolle de xoves a domingo a novena edición do Salón do Vehículo de Ocasión

18/05/2022 O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, e o responsable da organización do evento, Fabián Saavedra, presentaron esta mañá en rolda de prensa a novena edición do Salón do Vehículo de Ocasión en Santiago, que se celebra no Recinto Feiral de Amio do xoves 19 ao domingo 22 de maio. Acompañounos a responsable do recinto, Belén Montero.

O evento, que abre as súas portas este xoves ás 10:00 horas, contará coa presenza de máis de 25 concesionarios e compravendas, cun stock de máis de 800 vehículos, a prezos rebaixados, exhibidos en 16.000 metros cadrados de exposición.

O concelleiro Gonzalo Muíños aproveitou a presentación para animar "a todas as persoas que estean pensando en mercar un coche ou afeccionadas/os ao mundo do motor, se acheguen esta fin de semana ao Recinto Ferial de Amio para darse unha volta e aproveitar os descontos especiais".

A oferta do Salón abarca todo tipo de vehículos: KM0, seminovos (coches con menos de 4 anos) e de segunda man; e de prácticamente todas as marcas: Audi, BMW, Renault, Seat, Nissan, Volvo, Toyota, Cupra, Ford, Kia, Skoda, Fiat, Jeep e Alfa Romeo, Hyundai, Honda, Citroen, Opel... con prezos que poden ir desde os 5.000€ ata os 70.000€.

Os asistentes tamén poderán visitar o concesionario de motocicletas, servizo Oficial Fonda e Kawasaki, que traerá tamén unha gran variedade de motos das marcas máis punteiras do mercado; así como unha gran oferta de vehículos de gama ECO, eléctricos, híbridos e híbridos enchufables, que cada vez teñen máis importancia no sector.

A gran vantaxe que dispón este evento, é que se pode realizar un comparativa en horas que levaría semanas ou meses para poder visitar aos máis de 25 concesionarios, polo que se trata dunha gran oportunidade para cambiar de coche aproveitando a rebaixa de prezos moi por baixo do habitual.

O horario de apertura será de 10:00 a 20:00 h o xoves 19, venres 20 e sábado 21 e domingo 22 de maio, e o custo de entrada é de 3 euros, sendo gratuíto para os nenos de ata 12 anos.

Compartir: