MOBILIDADE

O próximo 19 de maio terá lugar un simulacro de sinistro no túnel de Cornes-Hórreo

16/05/2022 O Concello de Santiago en colaboración co Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (MITMA) vai levar a cabo un simulacro de actuación e coordinación entre todos os servizos implicados (emerxencias, bombeiros, sanitarios, policía local, xestores do túnel, protección civil...) ante un sinistro que implicaría a extinción dun incendio e a evacuación de feridos e de usuarios do túnel de Cornes-Horreo na SC-20, que une o Polígono do Tambre co Milladoiro.

Santiago será o escenario o vindeiro 19 de maio dun simulacro organizado polo Concello en cooperación co MITMA no túnel de Cornes- Horreo. Durante a preparación e realización do simulacro será preciso realizar desvíos de tráfico que garantan a seguridade dos usuarios e dos servizos de emerxencia.

Deste xeito, o tráfico na SC-20 en ambos os sentidos de circulación cortarase entre a saída do punto quilométrico 6+000 cara á rúa do Hórreo e a saída do punto quilométrico 7+000 cara á rúa Romero Donallo e Amor Ruibal (entrada e saída do túnel), entre as 22:00 horas do xoves 19 de maio e as 06:00 horas do venres 20 de maio. Os desvíos estarán debidamente sinalizados.

Seguridade nos túneles
O Real Decreto 635/2006, do 26 de maio, sobre requisitos mínimos de seguridade nos túneles de estradas do Estado, establece no apartado 5 do seu Anexo II, que o xestor do túnel e os servizos de emerxencia organizarán, en cooperación co responsable de seguridade e cos organismos competentes en materia de protección civil, simulacros periódicos conxuntos para o persoal do túnel e os servizos exteriores de emerxencia polo menos cada 4 anos.

Compartir: