PLENO

O Pleno aproba a modificación puntual do PXOM no ámbito da estrada Vigo-Chouchiños

22/12/2021 O pleno do concello de Santiago, que comezou cun minuto de silencio polas vítimas de violencia machista, aprobou por unanimidade de todos os grupos municipais a modificación puntual do PXOM no ámbito do SUD 9-10, estrada de Vigo-Chouchiños. Tamén coa luz verde de todos os grupos saíu adiante a moción conxunta para dar apoio ás reivindicacións das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar

A aprobación da modificación puntual do PXOM no ámbito do SUD 9-10, que contou co voto a favor de todos os membros da Corporación Municipal, incorporou unha emenda transaccional que recollía parte da emenda presentada polo BNG. O texto dese emenda recolle a proposta de "acometer a modificación do PXOM no ámbito do SUD 9-10 estrada de Vigo Chouchiños co obxecto de darlle maior superficie ás parcelas dotacionais previstas que permitan a ampliación do complexo hospitalario, resolver mellor os graves problemas de mobilidade e estacionamento e facer viable o desenvolvemento do planeamento".

A modificación formulouse de oficio polo Concello de Santiago de Compostela, a través dos Servizos técnicos de Planeamento e Xestión, co obxecto principal de executar a sentenza nº 274/2014 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Esta sentenza anula as determinacións do vixente plan xeral no que atinxe á clasificación dos terreos propiedade do recurrente, declarando a súa condición de sólo urbano consolidado, e a súa conseguinte exclusión do sólo urbanizable SUD 9/10. Con esta modificación, tamén se corrixe o trazado do Camiño Portugués incorporado pola Xunta en 2014, distinto do previsto no PXOM e que afecta ao citado sector.

Moción conxunta

Tamén se aprobou por unanimidade unha moción conxunta de todos os grupos municipais para dar apoio ás reivindicacións das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Indica a moción que "as traballadoras do SAF, que atenden a máis de 25.000 persoas dependentes, levan anos loitando por dar voz ás súas demandas, en concreto á necesidade de renovar o convenio colectivo que non se revisa desde 2009".

Esta situación provoca unha precarización das condicións deste colectivo que non ten recoñecidos a xornada completa nin o contrato indefinido, nin tampouco conta con axudas técnicas nos domicilios, o que provoca problemas músculo-esqueléticos, de depresión ou ansiedade. Ademais as doenzas derivadas do seu traballo non son consideradas como enfermidades profesionais nin existe a posibilidade de xubilación anticipada.

O pleno municipal denuncia así a precariedade na que viven as traballadoras e dá visibilidade a esta problemática amosando o seu apoio á necesidade de negociar una novo convenio colectivo para o sector.

Así mesmo, recibiu o apoio de todos os grupos a proposición do BNG para aplicar as medidas do Pacto polo Rural do Concello de Santiago de Compostela. O edil José Manuel Pichel indicou que se asinará o devandito pacto o antes posible.

Documentos relacionados



Compartir: