ALCALDÍA

A Xunta de Goberno aproba o proxecto de reforma interior do salón de plenos

13/12/2021 A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto de reforma interior do salón de plenos do Pazo de Raxoi, que conta cun orzamento de execución material de 65.506,81 euros. Según se sinala na proposta, que recibiu luz verde da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, o tipo de actuación a realizar é a de rehabilitación "encamiñada ao mantemento das condicións de hixiene, ornato, seguridade e funcionalidade da edificación", así como a eliminación das barreiras arquitectónicas. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta dos asuntos en rolda de prensa.

Esta eliminación de barreiras arquitectónicas realizarase mediante a instalación dunha rampa móbil de acceso para salvar o escalón que existe na entrada ao salón de plenos, que se colocará cada vez que se convoque unha sesión plenaria. A maiores, habilitarase un posto accesible para persoas con discapacidade no espazo destinado a xornalistas e espectadores.

Tamén se actuará sobre as barreiras arquitectónicas do interior do salón, coa retirada do pavimento existente para eliminar as diferentes cotas e a actual sobre elevación do mobiliario. O novo pavimento colocarase a unha cota única, cunha formación de tarima elevada con rampla accesible para a mesa de presidencia.

Retirarase o mobiliario existente e substituirase por outro. Os paramentos verticais está previsto que se panelen, e que se retapicen as paredes. O proxecto tamén contempla a instalación de megafonía, radio, audio, vídeo e internet, así como a instalación de luces led en dous laterais e no teito. O tendido das instalacións farase de forma oculta, aproveitando os revestimentos de paramentos verticais e horizontais.

A proposta de reforma do salón de plenos xustifica a actuación na necesidade de "realizar un mantemento e ornato adecuado das instalacións existentes, ante o desgaste importante dalgún dos seus elementos e revestimentos", como cadeiras deformadas ou instalacións inadecuadas. Tamén é preciso unha adecuación funcional do salón, que permita unha interrelación máis directa entre os diferentes axentes, así como melloras enerxéticas das instalacións eléctricas e a modernización dos sistemas audiovisuais do local.

Outros acordos
A Xunta de Goberno Local tamén acordou adxudicar o lote dous do contrato "Subministración de vehículos para a Policía Local de Santiago de Compostela mediante arrendamento con mantemento (renting)", que ten por obxecto a adquisición dun vehículo de camuflaxe, tipo turismo, á empresa Grupivazgle S.L., por importe de 49.368 euros.

Tamén se aprobou a xustificación do convenio de colaboración asinado o 4 de agosto de 2021 entre o Concello de Santiago de Compostela e a "Asociación de persoas xordas de Santiago de Compostela 2021", por unha contía de 9.764,28 euros.

Ampliación do hospital
Sánchez Bugallo tamén se referiu na rolda á reunión que mantivo o Concello coa Consellería de Sanidade e a dirección hospitalaria sobre a amplicación do CHUS. Segundo salientou o rexedor, "todo está listo para que as obras poidan saír a licitación no momento no que a Consellería o decida". De feito, incidiu o alcade, a intención da Xunta é sacalas a licitación no primeiro semestre de 2022. As obras alongaríanse "non menos de tres anos".

Sobre o aparcadoiro e o edificio do IDIS, Sánchez Bugallo manifestou a plena disposición municipal co obxectivo de que "o hospital poida adecuarse ás necesidades de Santiago e da área sanitaria e seguir medrando".

Documentos relacionados



Compartir: