ALCALDÍA

O Ministerio de Transportes preselecciona os proxectos de construción dun aparcadoiro disuasorio e dun centro loxístico de distribución de mercadorías presentados polo Concello

10/12/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, confirmou en rolda de prensa que os proxectos de construción dun aparcadoiro disuasorio e dun centro loxístico de distribución de mercadorías para a cidade histórica, ambos en Meinxonfrío, que o Concello presentou ás axudas do Ministerio de Transportes superaron a primeira fase.

"O primeiro corte superárono os dous e agora temos que agardar á resolución final", indicou o rexedor. Santiago presentou a esta convocatoria o máximo de proxectos permitidos, dous, que en total suman preto de 7 millóns. En primeiro lugar, a habilitación dun aparcadoiro disuasorio de máis de 60.000 metros cadrados de superficie dividida en tres zonas diferenciadas para o transporte público, para autocaravanas e para vehículos particulares. Estaría situado nunha parcela municipal ubicada na avenida do Cruceiro da Coruña, no barrio de Meixonfrío, entre o Mercado de Gando e a estrada nacional.

O centro loxístico para a distribución de mercadorías á zona histórica habilitaríase nunha parcela de 12.000 metros cadrados, tamén de propiedade municipal, situada a carón da rotonda de Meixonfrío, entre a avenida de Asturias e a nacional 550, dende onde se iniciaría o reparto con vehículos de baixas emisións.

O rexedor avanzou que sairán máis convocatorias ao abeiro dos fondos europeos e que o Concello presentará iniciativas para conseguir subvencións en materia de vivenda, de rehabilitación ou de medio ambiente, neste caso para a rehabilitación do cinturón verde que rodea a cidade histórica. "Creemos que é unha oportunidade importante para facer actuacións que de outra forma se demorarían moitos anos", indicou. Sánchez Bugallo salientou a importancia de contar co orzamento aprobado para o "desenvolvemento destes proxectos europeos" e lembrou a intención do goberno de levar as contas de 2022 a pleno no mes de xaneiro.

Aprobación da subvención de 3 millóns de euros para a rehabilitación interior do Pazo de Raxoi
O alcalde tamén deu conta da aprobación no Consello de Ministros do pasado martes do decreto polo que se concede a subvención de 3 millóns de euros ao Concello de Santiago para a rehabilitación interior do Pazo de Raxoi, incluída no Programa Impulsa Patrimonio do Ministerio de Turismo. "Esta axuda vai poñer o acento na accesibilidade, na eficiencia enerxética e na seguridad", salientou Sánchez Bugallo, que lembrou que a mellora do Pazo de Raxoi se completará coa obra de reparación das cubertas do edificio, cuxa execución xa está "en fase avanzada". Para o ano que vén, "temos prevista a restauración da fachada da praza do Obradoiro", cun investimento de 450.000 euros, e o acondicionamento do salón de plenos.

Covid
Sobre a incidencia das cifras de Covid na cidade, Sánchez Bugallo fixo un novo chamamento á prudencia pois "hai o dobre de casos que o ano pasado por estas mesmas datas". Se en 2020 os casos activos eran 95 e a incidencia acumulada a 14 días chegaba a 85 casos por 100.000 habitantes, hoxe "estamos en 192 e 184", respectivamente. A diferencia, engadiu, é a vacinación, aínda que "me seguen xerando desconcerto os catro mil composteláns que aínda non se vacinaron". O rexedor apeleu á responsabilidade desta parte da poboación e animounos a reconsiderar a súa posición.

Compartir: