XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno local aproba a concesión e pagamento das axudas á restauración, hospedaxe e turismo, das que se beneficiarán 463 empresas e negocios de Santiago

02/12/2021 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, acordou hoxe a aprobación da concesión, xustificación e pagamento das "Axudas para o rescate da restauración, hospedaxe e turismo do Concello de Santiago afectado pola crise da covid-19. Anualidade 2021". Desta convocatoria, á que se presentaron 610 solicitudes, beneficiaranse 463 empresas e negocios compostelás que percibirán 1.747.105 euros.

A maioría destas 463 empresas, un 50,76% (235) son cafés e bares; e o 22,25%, (103), restaurantes. A continuación sitúanse as pensións, que reresentan un 5,4% (25) por cento da porcentaxe total; os hoteis e moteis, cun 5,18% (24); e as axencias de viaxes, cun 4,10% e 19 empresas beneficiarias. A continuación sitúanse, por este orde, os epígrafes correspondentes a guías de turismo, con 12 empresas beneficiarias; aloxamentos turísticos e casas de hóspedes, ámbolos dous con 9; organizadores de congresos, con 6; establecementos relacionados coa restauración, con 4; e discotecas, tamén con 4; e por último, "apart hoteis" con 3 beneficiarios.

A 131 das solicitudes denegóuselle a axuda por non subsanar correctamente o requirimento de documentación, non ter sede de actividade en Santiago, estar inmersas nun procedemento de reintegro, ou non cumplir con algún dos requisitos da convocatoria. Ademais, 16 empresas quedaron en lista de agarda, ao esgotarse o orzamento destinado a convocatoria, que era de 1.747.105 euros.

O importe da axuda estaba establecido nas bases. Era de 2.500 euros para unha baixada da facturacion de entre o 20% e o 30%; de 3.000 euros para unha baixada da facturación superior ao 30% e ata o 60%; e de 4.000 euros para unha baixada superior ao 60%. Para o caso concreto das persoas solicitantes das axudas pola actividade do epígrafe 969.1 (salas de baile, discotecas e similares) o importe da contía por persoa beneficiaria era de 5.000 euros, independentemente da súa facturación. Estas contías podíanse incrementar con 1.000 euros adicionais por cada centro de actividade adicional ao principal que tivese a empresa no Concello de Santiago adicado a actividades económicas correspondentes a epígrafes relacionados cos citados sectores de actividade, cun límite de 2.000 euros por este concepto, que correspondería a persoas con tres ou máis centros de actividade.

Por outra banda, o executivo muncipal adxudicou o contrato que ten por obxecto a "Contratación dun seguro de responsabilidade civil patrimonial do Concello de Santiago de Compostela", á entidade aseguradora Mapfre España, por un importe de 297.800 euros exentos de IVE.

Compartir: