OBRAS

O departamento de Obras arranxou no que levamos de ano máis de 300 bancos e realizou labores de mantemento en máis de 150 beirarrúas

02/12/2021 No que levamos de ano, o departamento de Obras realizou actuacións de mantemento en máis de 150 beirrarúas e arranxou máis de 300 bancos, 284 metros de pasamáns e 28 metros de barandas. Son datos ofrecidos polo concelleiro de Barrios e Obras, Javier Fernández, que en rolda de prensa tamén informou dos labores de mantemento en máis de 2.000 metros de sendas e a limpeza de case 4.000 metros cadrados de de superficie de fincas urbanas.

Segundo explicou o concelleiro, o contrato de mantemento de mobiliario, que conta cun orzamento de 18.000 euros, permitiu, entre xaneiro e novembro, arranxar 308 bancos en distintas zonas da cidade. "Son obras de reparación, conservación, pintura e cambio de madeiras podridas. As actuacións máis destacadas levámolas a cabo nos barrios... En Conxo, Santa Marta, Vite, San Lázaro, Vistalegre, ou Pontepedriña, etc. E por suposto tamén no centro da cidade. En Praza Roxa, Frei Rosendo Salvado, Alfredo Brañas, Xeneral Pardiñas, etc."

Javier Fernández tamén destacou a colocación de novos bancos, nas rúas Clara Campoamor, Romero Donallo, Avda de Lugo, República Arxentina, A Rosa e no Campus. "Nesta zona continuaremos ao longo do mes de xaneiro colocando e substituindo máis bancos. Esta era vella demanda, que como outras que nos pide a veciñanza, xa estamos a solucionar". En cando aos pasamáns, rehabilitaronse 284 metros, aos que hai que sumar outros 28 metros de varandas.

Limpeza ficas e sendas
A través da concellaría de Obras tamén se limparon 3.829 metros cadrados, con distintas actuacións de limpeza de fincas en zonas urbanas en distintos lugares, "e seguimos traballando na limpeza de fincas municipais ao lado de Quiroga Palacios en Conxo, na zona de San Lázaro, e na zona do Castiñeiriño". Tamén se actuou, segundo explicou o concelleiro, sobre 2.015 metros cadrados de sendas, como a senda fluvial do río Sarela, ou a que une a Rocha con Milladoiro. O orzamento destinado a estes labores de limpeza e mantemento ascende a 18.000 euros.
Son actuacións, recordou o concelleiro, "nas que están implicados os centros especiais de emprego". O concelleiro agradeceullo o seu traballo, porque "sen dúbida, están facendo un gran labor en beneficio da cidade e da veciñanza".

Beirarrúas
En canto as beirarrúas, entre febreiro e novembro arranxáronse máis de 150, en case todos os puntos da cidade. Actuouse sobre unha superficie de 3.742 metros cadrados, cun orzamento de 249.442,09 euros. "Todos estes traballos estanse a facer coa empresa de mantemento da cidade. Si lle sumamos todo o gran traballo que está a facer a brigada poderíamos dicir que este ano, a día de hoxe, se actuou en máis de 175 beirrarúas", sinalou o concelleiro.

Todas estas actuacións son froito "dun traballo minucioso, un traballo do día a día. Somos conscientes de que queda moito por facer, polo que pedimos desculpas á veciñanza polas molestias causadas. Pero o noso obxectivo é seguir traballando para facer da nosa cidade un lugar máis habitable", subliñou.

Documentos relacionados



Compartir: