IGUALDADE

#taméneu, o novo libro de María Xosé Porteiro, preséntase na Casa das Mulleres, Xohana Torres, en Compostela, o xoves 2 de decembro

01/12/2021 A concelleira Mercedes Rosón, a escritora Marilar Aleixandre e a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, María Méndez, participarán o próximo xoves na presentación do novo traballo da xornalista e escritora María Xosé Porteiro que vén de publicar #taméneu, unha escolma de setenta e sete traballos xornalísticos sobre o que denomina "a revolución feminista".

A publicación de #taméneu correu a cargo de LAR_libros, que inaugura así unha colección de opinión. Nesta publicación salienta na portada, coas cores identificativas do feminismo, unha imaxe en branco e negro do fotógrafo Víctor de las Heras dunha manifestación na Praza da Constitución, en Vigo, en 1983.

A respecto do papel das mulleres como columnistas de opinión afirma que é un dos xéneros xornalísticos que máis lle compracen, malia recoñecerse como "unha toda terreo, mais a opinión é un eido moi masculinizado nos medios impresos. Informes da asociación de Mulleres Xornalistas falan de que as columnas asinadas por mulleres están entre o 10 e o 15% de toda a opinión publicada. Daquela, considero necesario que voces autorizadas de mulleres ocupen estes espazos".

María Xosé Porteiro lembra que pertence "á xeración que viviu en primeira persoa os finais da segunda onda do feminismo, toda a terceira, e desde 2012, a actual considerada xa a cuarta. Afirma que as viviu intensamente, como feminista e como xornalista. "Desde aquela participei dun debate que entrou de cheo na axenda global mediante a reflexión e a análise.

En #taméneu, versión galega da expresión mundialmente famosa, Me too, abórdanse aspectos coma os feminicidios, a linguaxe sexista, as multidiscriminacións de colectivos coma as mulleres con síndrome de Asperger, a trata e tráfico de mulleres para a prostitución, ou o aumento da violencia sexual. A autora considera que estas situacións nos falan de que "estamos a vivir unha revolución feminista -que non unha guerra- que mudará para ben a nosa civilización".

No decurso da súa traxectoria, Porteiro recibiu senllos recoñecementos polo seu labor a prol do feminismo, en 2019 co premio 1º de maio de CCOO, e en 2020 co Ernestina Otero, da Comisión das mulleres do concello de Vigo. Desde 2017 dirixe o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura (CDIF-CCG) e nesta xeira participou en numerosos estudos e investigacións desde a súa comisión de Igualdade.

#taméneu xa está a venda en www.libroslar.com e nas librarías Couceiro (Santiago de Compostela) e Cartabón (Vigo).

Compartir: