CONSORCIO

O Concello de Santiago promove visitas comentadas á exposición Memorias do Café Derby (1929-2020), patrocinada polo Consorcio de Santiago, na Casa do Cabido

01/12/2021 Serán os venres e algún xoves ás 18:00 h e os domingos ás 12:00 h, previa inscrición en visitas@consorciodesantiago.org. Comezan este venres e prolongaranse ata finais de febreiro.

A Casa do Cabido, na compostelá praza das Praterías, acolle desde hai un mes a exposición "Memorias do Café Derby (1929-2020)", promovida polo Consorcio de Santiago. A mostra percorre a traxectoria do emblemático Café durante as máis de nove décadas que o converteron no máis lonxevo de Compostela. É a primeira exposición celebrada na cidade que traslada a memoria do patrimonio artístico e histórico dun café.

Debido ao éxito que está a ter a exposición (máis de 1635 visitas nun mes), a concellería de Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago vai organizar unha serie de visitas comentadas para o público os venres pola tarde, algún xoves e os domingos pola mañá. Comezan este venres, día 3. Así, en decembro haberá visitas os días 3, 5, 10, 12, 17, 19, 23, 26 e 30, ampliándose aos venres e domingos de xaneiro e febreiro. Os venres (e os dous xoves) serán ás 18:00 horas e os domingos ás 12:00 horas.

As visitas, que serán guiadas e comentadas polos comisarios da mostra, Ana Castro e Fernando Franjo, terán unha duración duns 50 minutos, cun aforo máximo de 10 persoas por visita, seguindo a orde de inscrición. Estes percorridos son de balde. As persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico coa súa solicitude a visitasguiadas@consorciodesantiago.org, no que se indicará o número de persoas que desexan participar na visita. As peticións serán confirmadas a volta de correo e esta confirmación será imprescindible para facer efectiva a reserva.

Nestas visitas comentadas seguirase a historia do Derby nunha secuencia cronolóxica, desde os seus antecedentes, a principios do século XX, ata o peche do Café en 2020. Ademais, poderá coñecerse o seu patrimonio artístico e decorativo exclusivo, que chegou á actualidade e que os visitantes poderán admirar nunha recreación do Café que se exhibe na propia exposición.

Horarios da exposición
A exposición pode visitarse na Casa do Cabido de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00. Os luns pecha ao público.

Compartir: