ACCIÓN CULTURAL

O alcalde participa na maratón de lectura organizada pola Fundación Granell e adicada a Francisco García Lorca

01/12/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, participaron este mediodía na Maratón de lectura organizado pola Fundación Eugenio Granell e adicada a Francisco García Lorca, irmá menor de Federico e como el, integrante da xeración do 27. Durante o acto puideron conversar, vía telemática, coa filla de Francisco, Gloria García-Lorca.

Ante un grupo de escolares do colexio San Xosé de Cluny, leron dous fragmentos da obra "Federico y su mundo", escrita por Francisco García Lorca. Antes de dar paso á lectura, o alcalde explicoulle a amizade que existía entre a familia de Eugenio Granell e a de Francisco, xa que ambas compartiron exilio en Estados Unidos. Sánchez Bugallo recordoulle ás nenas e nenos a importancia de coñecer o pasado, concretamente a época da guerra civil e da posguerra, plasmada nas paredes do museo Granell, para que ese pasado non se repita.

Eugenio Granell mantivo una grande amizade con Francisco ao que coñeceu en Nova Iork cando Granell e a súa familia se trasladaron a vivir a Estados Unidos, nos anos 60. Formaron parte do grupo de exiliados españois e compartiron amigos comúns. Ambos coincidiron na Escola de Linguas de Middleburi, no Estado de Vermont, unha famosa universidade de verán pola que pasaron todos os hispanistas significativos de Estados Unidos. De feito, o arquivo de Eugenio Granell garda mostra desa amizade coa correspondencia entre ambos.

Na organización deste acto, a Fundación Eugenio Granell, que preside o alcalde de Santiago, contou coa colaboración da Fundación Federico García Lorca. A maratón de lectura, que comezou ás once da mañá, parará ás dúas e retomarase de novo pola tarde, de cinco a oito.

Compartir: