REHABILITACIÓN

Vite, Vista Alegre e Pontepedriña,protagonistas da segunda sesión da Xornada "Barrios en (re)construción

23/03/2007 O Centro Sociocultural de Vista Alegre acolleu a segunda sesión da Xornada "Barrios en (re)construción. Foi tempo para falar das experiencias desenvolvidas en Compostela e das actuacións previstas.

A xornada comezou con dúas conferencias. Na primeira, o economista Ánxel Viña, da Oficina de Planeamento, falou sobre "O encadramento dos barrios de Compostela no planeamento urbanístico da cidade de Santiago". Sobre unha temática xirou a conferencia do xeógrafo Xosé A. Aldrey Vázquez, ao referirse ás novas áreas de rehabilitación integral (ARI) con que conta e contará a cidade. A xornada de mañá pechouse cun debate no que se abordaron as distintas experiencias de rehabilitación de Galicia.

As sesións das tarde estaban reservadas para expoñer dúas experiencias da propia cidade, a do Polígono de Vite, e as de Vista Alegre e Cardeal Quiroga Palacios. O arquitecto Eduardo Cruz Aguiar e o xeógrafo Xosé Constenla Vega son os responsables destes relatorios. Despois, tempo para a mesa redonda e para os propios veciños, nunha sesión destinada á participación dos representantes das asociacións veciñais e a dar resposta a todas as súas inquedanzas sobre as ARI.

As xornadas clausúranse o sábado 24 de marzo, tamén no Centro Sociocultural de Vista Alegre. O xeógrafo David Mongil Juárez, exporá a experiencia desenvolvida dende a súa posición de técnico de Vivenda, Urbanismo e Actividades da Diputación de Barcelona. Unha conferencia sobre "Barrios, participación cidadá e mediación", da arquitecta Itziar González Virós, dará paso ao acto de clausura.

Compartir: