MOCIDADE

O concelleiro de Mocidade reúnese con representantes dos colectivos que utilizan a Casa da Xuventude

21/04/2021 O concelleiro de Mocidade, Rubén Prol, reuniuse hoxe con representantes de distintos colectivos que utilizan os espazos da Casa da Xuventude. O concelleiro sinalou que se lle ofreceu "todo o abano de Centros Socioculturais" para que desenvolvan alí as actividades que viñan realizando no inmoble da Praza do Matadoiro.

Rubén Prol asegurou que durante o encontro lles explicou porque se cambiou a fechadura da Casa da Xuventude. Aclarou "que é necesario facer unha rehabilitación do inmoble, e ter un control" sobre ese espazo, que "nin eles mesmos poden ofrecer". "O que queremos", sinalou, "é salvagardar o rexime de actividades" que desenvolven no edificio "moitas asociacións e colectivos". Por iso se lles ofreceron os Centros Socioculturais, mentras se realizan obras" previstas de acceso a Belvís. Na reunión tamén estaba presente o técnico responsable da rede de CSC, Enrique Vázquez Naveira.

Antes do encontro, o concelleiro lembrou que durante a pandemia se limitaron os usos na Casa da Xuventude "á mera retirada de material". Explicou que coa COVID-19, e ao ser un inmoble "sen control estricto", non se podía utilizar, "igual que se limitou o uso dos CSC ou o Centro Xove da Almáciga". Pero, continuou, "nos últimos meses puidemos comprobar que se estaba a utilizar por parte de diversos colectivos e persoas, incluso con certa normalidade de accesos que non eran para ese uso de mera retirada de material". A imposibilidade de manter un control sobre o edificio, unido ao "importante deterioro do inmoble" ; e ao comezo, en breve, das obras de Belvís; son os principais factores que levaron a tomar a decisión de cambiar a fechadura. Pero aclarou, xa se informou aos colectivos que utilizan ese espazo que poden retirar o material póndose en contacto co departamento para "poder trazar esa comunicación".

Compartir: