IGUALDADE

O Concello de Santiago celebra o Día Internacional da Muller

08/03/2021 Nun ano atípico marcado pola covid 19, o Concello de Santiago non deixou de celebrar o Día Internacional da Muller cun acto institucional no que o alcalde e representantes dos grupos municipais que integran a Corporación deron lectura a un texto de escolla propia, e coa entrega do premio Xohana Torres.

Os actos de conmemoración do Día Internacional da Muller arrancaron ás 10.30 h na praza do Obradoiro coa lectura do poema "Penélope", de Xohana Torres, a cargo da concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, "un monumento poético ás mulleres e ao feminismo, un poema que reinterpreta o mito de Penélope, esposa de Ulises, e que Xohana Torres enfoca dende unha perspectiva feminista, outorgándolle decisión, acción. Non espera, actúa, para rematar con ese último verso de "Eu tamén navegar" que é un canto á liberdade e á capacidade de decidir da muller".

Continuou a voceira do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, que escolleu o poema "Cristal", de Xela Arias, autora que será homenaxeada no Día das Letras deste ano. Marta Lois, voceira de Compostela Aberta, deu lectura a un fragmento da moción conxunta aprobada no pasado pleno de febreiro, mentres a concelleira do grupo municipal popular María Castelou puxo voz ao texto de Rosalía de Castro "Lieders". Pechou o acto o alcalde tamén cun poema de Rosalía, "Ladraban contra min", incluído no libro Follas Novas.

Premio Xohana Torres
Dúas horas máis tarde, o Salón Nobre do Pazo de Raxoi acollía o acto de entrega do premio Xohana Torres, que nesta ocasión recaeu, na súa modalidade audiovisual, en Rosa María Taboada Rey polo traballo "Na procura da luz", unha peza sobre a escritora Luz Pozo Garza merecente, segundo o xurado, deste galardón dotado con 2.500 euros.

O carácter pedagóxico da obra, a creatividade e a orixinalidade da peza, así como o seu carácter participativo foron os elementos que o xurado, integrado pola concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón; pola vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, María del Mar Moledo; e polas profesoras da USC Erika Jaraiz Guliar, Elvira Fidalgo Francisco, Marilar Aleixandre, Patricia Fra López, Alba Silva Rodríguez e Pilar Cagiao Vila, valorou nesta obra.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, cerrou o acto reivindicando a figura de Xohana Torres e o premio que leva o seu nome, instaurado no Concello en 1993. Neste día, o rexedor tamén quixo destacar "o avance imparable da muller", a pesar das difíciles circunstancias que estamos a vivir.

Convocatoria de 2021
As bases da convocatoria do "Premio Xohana Torres de ensaio, investigación e creación audiovisual sobre as mulleres na sociedade galega. Ano 2021" están xa aprobadas en Xunta de Goberno e ábrese a partir de hoxe o prazo para presentar traballos, que remata o 29 de decembro de 2021 ás dúas da tarde. O premio divídese en dúas modalidades, ensaio e creación audivovidual, cunha dotación de 2.500 euros para cada unha.

Compartir: