CIDADES PATRIMONIO

O Grupo de Cidades Patrimonio organizará dous foros internacionais sobre cultura, turismo e xestión do patrimonio

05/03/2021 A Comisión de Patrimonio do Grupo, presidida polo alcalde de Salamanca, Carlos García Carbayo, e na que participou a concelleira de Urbanismo de Santiago, Mercedes Rosón, impulsa a axenda de grandes eventos para 2021 cun foro de Cultura Segura na primavera en Alcalá de Henares e un cumio hispano-luso no outono en Mérida, así como cun conxunto de accións que reforzan a identidade corporativa común das 15 cidades españolas co selo Unesco.

O presidente da Comisión de Patrimonio e alcalde de Salamanca, Carlos García Carbayo, reuniuse hoxe cos representantes das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade para impulsar os proxectos que se van executar ao longo de 2021, no marco da subvención nominativa que por valor de 210.000 euros o Ministerio de Cultura e Deporte contemplou nos orzamentos xerais de Estado.

Entre eses proxectos atópase a elaboración de plans de xestión de cada unha das 15 cidades do Grupo; o desenvolvemento dos novos planos de turismo que estarán nas cidades este verán, a terceira fase do estudo da sinalética Patrimonio Mundial e o impulso á nova edición da Noite do Patrimonio.

Ademais, O Grupo vai impulsar en 2021 dous foros internacionais sobre cultura, turismo e patrimonio, e un seminario coa Universidade de Salamanca centrado nas novas fórmulas de xestión do patrimonio no marco da pandemia.

O presidente da comisión de Patrimonio explicou que un dos proxectos estrela do Grupo para 2021 é a celebración en Alcalá de Henares do "Foro Cidades Patrimonio, Cidades de Cultura Segura", no mes maio. Segundo Carlos García Carbayo, "as Cidades Patrimonio celebran cada ano importantes eventos culturais nos seus centros históricos e recintos monumentais, que crean riqueza, fomentan un turismo cultural de primeira orde e propician a conservación e posta en valor dos bens declarados Patrimonio Mundial. Por iso, neste Foro analizaranse boas prácticas, desenvolvemento de protocolos de novos formatos postCovid19 con presenza de xestores culturais de prestixio nacionais e internacionais e de representantes do Ministerio de Cultura e Deporte".

Non será o único foro do ano liderado polo Grupo: o cumio hispano-luso de Cidades Patrimonio Mundial vaise celebrar en outubro en Mérida. O obxectivo da reunión bilateral das cidades declaradas Patrimonio Mundial de España e Portugal será analizar problemas comúns, intercambiar boas prácticas e conclusións na xestión do turismo, patrimonio, smartcities, cultura, medioambiente, etc. Un cumio que contará coa participación de representantes das cidades Patrimonio de España e Portugal; técnicos, especialistas externos e representantes de organismo e institucións das materias tratadas.

Carlos Garcia Carbayo subliñou que "é un orgullo formar parte desta Comisión de Patrimonio, dentro dun Grupo que cada vez ten máis prestixio grazas a todo o traballo de anos anteriores e a todos os novos proxectos que estamos a impulsar hoxe".

Entre os aspectos abordados hoxe, a unidade de imaxe na sinalética Patrimonio Mundial. Os técnicos de Patrimonio das 15 cidades van celebrar unha reunión os días 7 e 8 de abril en Mérida para concluír o estudo da sinalética cunha proposta que servirá de punto de partida para que cada cidade poida licitar a nova sinalización, que deberá axustarse a un mínimo común para lograr que as 15 cidades teñan unha imaxe similar, accesible e co logotipo da UNESCO en todos os soportes. Carlos García Carbayo subliñou a importancia deste proxecto, co que "o noso Grupo é un exemplo no noso país de como 15 cidades comparten boas prácticas e plans que permiten homoxeneizar unha oferta turística conxunta que representa o Patrimonio Mundial Unesco e a marca España".

O alcalde de Salamanca lembrou que a empresa adxudicataria xa está a traballar coas áreas de Turismo e de Patrimonio de cada cidade para ter os novos planos turísticos dispoñibles antes do verán, que tamén inclúen 15 vídeos de testemuños alusivos aos Valores Universais Excepcionais de cada cidade, así como códigos QR. "As 15 Cidades Patrimonio da Humanidade van ter novas ferramentas de promoción o próximo ano e os visitantes van atopar en todas as oficinas de turismo das nosas cidades planos moi atractivos, con coherencia en toda a identidade corporativa para o Patrimonio Mundial", engadiu García Carbayo.

Ademais, a Comisión acordou reforzar o orzamento da Noite do Patrimonio 2021: "Debémonos felicitar polo éxito dun evento que pon en valor o Patrimonio Mundial de España e nos dá gran proxección ás 15 cidades. Por iso, queremos continuar cunha intensa divulgación en medios de comunicación e redes sociais, contando co Ministerio de Cultura como patrocinador".

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1993 cuxo obxectivo é actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio cultural e a promoción turística das cidades que o compoñen: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa/Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Compartir: