ALCALDÍA

Sánchez Bugallo chama á responsabilidade e á prudencia da cidadanía para non dar "pasos atrás" na incidencia da covid na cidade

05/03/2021 O alcalde de Santiago fixo repaso das cifras da covid no municipio despois dunha semana de flexibilización das restricións e reiterou o chamamento á responsabilidade porque unha volta atrás tería "consecuencias terribles".

As cifras a día de hoxe sitúan os casos activos en 95, a incidencia acumulada a 14 días en 70 e a sete días en 24. Non obstante, o rexedor lembrou que "as consecuencias da desescalada comezaremos a velas a semana que vén" e reiterou unha vez máis a necesidade de cumprir coas medidas preventivas establecidas e a actuar con prudencia porque "sería terrible que como consecuencia de actuar sen responsabilidade tiveramos que volver" a restricións máis fortes.

Preguntado sobre se considera que sería factible unha flexibilización de cara á Semana Santa, o alcalde incidiu en que é unha decisión que lle corresponde aos expertos e á autoridade competente na materia e remarcou que "todos temos claro que a seguridade sanitaria é prioritaria". "Xa me gustaría" unha apertura, "pero como consecuencia de que os datos" a avalasen, recalcou.

Axudas
A respecto das axudas aos sectores que están sufrindo máis de cerca as consecuencias da pandemia, o rexedor indicou que as correspondentes á hostalería da segunda convocatoria están sendo pagadas nestes días. Ademais lembrou que no día de onte se prodeceu a asinar o convenio coa Deputación polo que a institución provincial achega un millón de euros para a terceira convocatoria.

As bases da mesma están a ser pechadas coas distintas asociacións co obxectivo de abrir o prazo para as solicitudes cara final do mes de marzo. As primeiras en saír serían as destinadas ao comercio e á hostalería xa que as previstas para o sector cultural teñen que agardar á aprobación da liquidación do orzamento de 2020.

Sobre o orzamento do 2021, o rexedor lembrou que é unha "obriga e unha responsabilidade" do goberno municipal formular o proxecto de orzamentos e reiterou a necesidade de aprobalo. A comisión de facenda para o seu ditame celebrarase o martes 9 co obxectivo de poder sometelos a votación "no pleno extraordinario do venres 12". Non obstante, Sánchez Bugallo amosouse partidario de ampliar os prazos "se vemos posibilidades reais de chegar a unha solución de apoio maioritario" aínda que lembrou que "o razoable é non ter esperando aos cidadáns".

Compartir: