ALCALDÍA

O alcalde asina na Deputación o convenio polo que a institución provincial achega un millón de euros ao Concello para axudas aos sectores afectados pola covid

04/03/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asinou esta mañá na Coruña o convenio de colaboración en virtude do cal a Deputación sumará un millón de euros á terceira convocatoria de axudas do Plan de reactivación económica destinado polo Concello a paliar os efectos negativos que a pandemia está a provocar en determinados sectores. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, tamén asinou sendos convenios cos rexedores da Coruña e de Ferrol.

A Deputación da Coruña suma un millón de euros aos preto de 1,5 que o Concello de Santiago destinará á terceira convocatoria de axudas do Plan de reactivación económica. Tralos 4 millóns de euros investidos nas dúas convocatorias anteriores, esta terceira tanda incorpora 900.000 euros para o comercio, 700.000 euros para a hostalería, 300.000 euros para bonos ao consumo (que beneficiarán aos dous sectores anteriores pois coas compras nos comercios locais, os clientes obterán bonos desconto para empregar na hostalería da cidade), e 450.000 euros para o sector cultural.

A estas cifras engadiríanse 100.000 euros destinados a financiar bonos de aparcamento, xestionados a través das entidades comerciais da cidade, así como o orzamento das axudas convocadas en 2020 que finalmente non se puideron facer efectivas por non cumprir os solicitantes cos requisitos establecidos nas bases. En total, máis de 2,5 millóns de euros para esta terceira convocatoria, que se abrirá a finais do mes de marzo.

No acto de sinatura, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, lembrou que "os concellos, sexa a nosa competencia ou non, volcámonos cos sectores afectados e é de agradecer o apoio e o acubillo da Deputación" e avisou de que "temos que ir pensando en plans para a adaptación do comercio e hostalaría para despegar nun escenario no que están carentes de recursos".

González Formoso destacou o "firme compromiso" demostrado no último ano polo mundo municipal para facer fronte aos devastadores efectos da pandemia. "Durante esta crise, Deputación e concellos estamos a centrar todos os recursos no ambito social e do emprego para apoiar aos que máis nos necesitan",afirmou o presidente da Deputación. Nesta mesma idea incidiron os alcaldes da Coruña e Ferrol. Inés Rey agradeceu que a Deputación e o seu presidente sexan "consciente das necesidades que teñen estes sectores no eido local e dos esforzos orzamentarios que están a facer os distintos concellos para saír adiante". Pola súa banda, Ángel Mato salientou que "o esforzo que estamos a facer a concellos é enorme, que se ve agora reforzado coa sinatura deste convenio por parte da Deputación, consciente das necesidades que tiñamos tamén nas cidades de facerlle fronte a esta problemática".

Compartir: