PLENO

O Pleno aproba o texto refundido da modificación puntual do Plan especial da Cidade Histórica que emenda os defectos formais sobre os aloxamentos temporais

25/02/2021 O Pleno do concello de Santiago aprobou, cos votos a favor do Grupo Socialista e de Compostela Aberta e a abstención do BNG e o PP, o texto refundido da modificación puntual do "Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) para limitar os aloxamentos de carácter temporal no seu tecido residencial", en execución da sentenza do TSXG número 547/2020.

Era o punto 2 do pleno, que defendeu a concelleira de Urbanismo. Mercedes Rosón recordou que con data 15 de novembro de 2018 o Pleno Municipal aprobou definitivamente esta modificación, contra a que se presentaron tres recursos contencioso administrativos que deron lugar a tres sentenzas en tres procedementos. Son:

A sentenza de 19 de outubro de 2020 ditada polo TSXG (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) no (procedemento) P.O.1031/2019.

A sentenza de 04 de decembro de 2020 ditada no P.O.4382/2018 e

A sentenza de 19 de xaneiro de 2021 ditada no P.O.4024/2019.

Nos tres casos a estimación dos recursos é parcial e a anulación limitada, pero amparan a competencia municipal para regular e limitar o uso das vivendas para fins distintos do que constitúen a súa esencia: servir ao efectivo cumprimento do dereito á vivenda.

O obxecto principal da modificación, segundo explicou Rosón, "é preservar a cidade histórica como lugar de residencia. Para elo impediuse que nas ordenanzas de uso residencial do PE-1 (Plan Especial 1) houbera calquera outra forma de aloxamento, ben turístico ou ben temporal distinta do aloxamento estable de persoas. Esa mesma é a fundamentación da nova modificación do P.X.O.M."

A concelleira de Urbanismo recordou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ten afirmado, nos fundamentos xurídicos da sentenza, "que a motivación do obxectivo de limitar o uso dunha vivenda para algo que non sexa servir de residencia estable, de domicilio, está baseada non en intereses irrelevantes ou arbitrarios, senón no interese xeral". Esas afirmacións, continúa, amparan "a modificación do PXOM que estamos a piques de iniciar, máis alá da cuestión formal que determina a anulación limitada que esixe a aprobación do refundido que se trai a este Pleno". E continúa; "non debemos esquecer que a actividade administrativa en materia de urbanismo debe asegurar que o sólo se utilice en congruencia coa función social da propiedade nas condicións establecidas, precisamente, no planeamento urbanístico". E engadiu, "debe dirixirse á cidade que queremos". E aclara "o termo dirixir que utilizo non é valadí, dirixir escoitando, non prohibir. É un mínimo na actuación política, un punto de partida esencial na configuración equilibrada dunha cidade para todos e todas, sen esquecer que o punto irrenunciable é o equilibrio, o aseguramento de dereitos constitucionais básicos como é o da vivenda".

A modificación levada a pleno, explicou, "resulta da retirada do texto aprobado definitivamente as referencias a calquera forma de aloxamento temporal de curta estancia dando cumprimento ao resolto nas tres sentenzas indicadas, así como do anulado artigo 143 bis que permitía a legalización das actividades anteriores ao 03 de decembro de 2015".

Outros asuntos
Nesta sesión ordinaria de febreiro tamén se deu conta do informe anual de queixas e reclamacións correspondentes ao ano 2020 e aprobouse o nomeamento de Pablo Costa Buján como representante do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia na Comisión asesora do patrimonio histórico da cidade de Santiago.

Compartir: