XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local acorda iniciar un novo procedemento de licitación do servizo de limpeza nos edificios e instalacións municipais

18/01/2021 A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe, aprobou, entre outros asuntos, o inicio dun novo procedemento de licitación do servizo de limpeza nos edificios e instalacións dependentes do Concello de Santiago e a concesión da licenza para a sexta fase de despregamento da rede de fibra óptica na cidade histórica.

En relación ao servizo de limpeza nos edificios e instalacións municipais, acordouse deixar sen efecto o acordo da Xunta de Goberno de 6 de novembro de 2020 de adxudicación do contrato á empresa ISS Facility Services. Isto implicará, así mesmo, a anulación do compromiso de gasto aprobado para o seu financiamento, que ascende a 110.614,17 euros (ano 2020), 1.327.373 euros (ano 2021) e 1.216.755,83 euros (ano 2023).

Tamén se acordou anular o procedemento de licitación deste servizo iniciado por acordo Xunta de Goberno de 16 de marzo de 2020. Esta anulación, máis alá da necesaria revisión do estudo económico de base dado o tempo transcorrido dende a súa redacción, non esixe a substitución ou modificación dos pregos administrativo e técnico de aplicación. Non obstante, analizado no seu conxunto o desenvolvemento do procedemento, procederase á súa revisión, coa finalidade, segundo se explica na proposta que foi a Xunta de Goberno, de resolver discrepancias, simplificar conceptos e clarificar obxectivos, buscando así unha maior transparencia. Por último, aprobouse iniciar un novo procedemento de licitación.

Fibra óptica
O executivo municipal acordou conceder a Orange España Comunicaciones Fijas, SL. licenza para realizar a fase 6 do "Proxecto de infraestrutura de telecomunicacións para o despregamento de Rede FTTH Orange/Jazztel na cidade histórica de Santiago de Compostela", que conta cun orzamento de execución material de 20.253,42 euros. A fase seis desenvolveríase no seguinte ámbito:
Rúa das Rodas (núm. 33 -43)
Rúa de Entremuros (impares)
Algalia de Abaixo (núm. 26 -34)
Quinteiro de Rúa do Castro, Pza. San Fiz de Solovio e Ruela de Altamira
Rúa de San Fiz de Solovio
Travesa da Universidade (Facultade de Historia)
Mercado de Abastos (Rúa das Ameas)
Quinteiro da Rúa Preguntoiro, Pza. da Pescadería Vella, Rúa e Ruela de Altamira
Quinteiro da Rúa das Ameas e Rúa de Altamira

Outros asuntos
Na reunión de hoxe, o exectivo municipal tamén acordou suspender temporalmente a execución das obras definidas no proxecto de reconstrución do muro na rúa Costiña do Monte por mor da aparición de restos óseos; e a apertura de dilixencias derivadas ante as autoridades pertinentes, con data efectiva de inicio da paralización o 16 de decembro de 2020. O reinicio terá lugar co permiso das autoridades unha vez finalizadas as dilixencias en curso.

Tamén se concedeu unha licenza para un cambio de uso de local comercial a vivenda na rúa do Medio, outra para reconstrución dunha vivenda unifamiliar en Quintáns de Villestro e outras dúas para a instalación de dous ascensores: un na comunidade de propietarios García Lorca, número 8, cun orzamento de execución material de 41.368,96 euros; e outro na rúa de San Clemente, 10, cun investimento de 15.000 euros.

Ademais, aprobouse a prórroga do aluguer, polo prazo dun ano, do local situado na rúa do Empedrado, número 7, destinado a uso sociocultural da veciñanza de Casas Novas, por un importe, en xaneiro, de 514,25 euros. Nos seguintes meses pode variar, xa se terá en conta a evolución do IPC para calcular o importe do aluguer. A maiores, acordouse a devolución de dúas fianzas e deuse conta de varias sentenzas.

Documentos relacionados



Compartir: