ACCIÓN CULTURAL

Preséntase a publicación "Caracois de Belvís", de Lupe Gómez, obra gañadora dos Premios SELIC 2019

08/01/2021 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou hoxe a publicación "Caracois de Belvís", obra gañadora dos segundos Premios SELIC de creación literaria (2019), que a súa autora, Lupe Gómez, define como un mapa poético de Compostela. O libro, do que se editaron mil exemplares, pódese solicitar no Teatro Principal e está previsto que se reparta tamén en bibliotecas e Centros Socioculturais.

Mercedes Rosón describiu "Caracois de Belvís", como "un pequeno gran poemario", escollido polo xurado pola "forma lúcida e delicada, pero non compracente, en que reflexiona, coa vila de Santiago como eixo cordial, sobre os ciclos vitais, imbricando con habilidade o persoal, o comunal e o natural". Segundo o xurado, "a idagación que supón o libro resulta tamén o rescate da cidade máis xenuína e relegada: a popular, a dos barrios e das leiras". Unha obra que definen como "luminosa, certeira e visionaria, que destaca pola súa estrutura discontinua e envolvente, pola emotividade da súa dicción, así como polo seu sutil achegamento ao terreo da espiritualidade, tan pouco abordada na nosa tradición poética".

"Caracois de Belvís", reflexiona, sobre o eixo de Compostela, sobre os ciclos da vida a través de sete capítulos: "O repouso do pan", "Seda zurcida", "Raios ventrílocuos do sol", "Ximnasia rítmica", "Floración das aves", "Avelaíñas" e "No berce das carballeiras".

Lupe Gómez sinalou que cando gañou o premio SELIC, sentiu "como se a cidade de Santiago me estivese abrazando con moita forza". "Creo", continuou, que as cidades necesitan ter a súa literatura, os seus escritores e escritores, porque sen a forza das palabras doces, as cidades serían nenas orfas. Non terían espello para verse reflectidas. Sempre quixen facer un mapa poético de Compostela, e agora creo que por fin o conseguín".

Explicou que "Caracois de Belvís" é "o primeiro chanzo dunha ilusionante triloxía de poesía compostelá", no que "o verso aparece gardado na íntima nudez da seda". A segunda parte sería "No encanto do aire", gañador do premio Rosalía do Concello de Padrón, que está xa para saír da imprenta, e ao que cualifica como "un poemario no que as aves camiñan e se estremecen, querendo apreixar co corazón as resonancias cósmicas de Compostela". E a última parte desta triloxía, segundo avanzou Lupe Gómez é "Silabas da peste", libro gañador do Gonzales Garcés da Deputación da Coruña, "no que a cidade confinada, enferma e ferida, quere estourar e saír polas portas de emerxencia, propagar un laio de curuxas escintilantes. Sementar na fraxilidade morta do aire unha explosión vital de palabras felices e liberadas".

A continuación retomou a palabra Mercedes Rosón, para explicar que o traballo de maquetación e deseño de "Caracois de Belvís" foi realizado pola editoral "Chan da pólvora", aínda que o libro edítao o concello de Santiago a través da concellaría de Acción Cultural. Un deseño que, sinala, "ven para quedar" e "será o formato" dos posteriores premios SELIC. Galardóns que, lembrou, "xeran moita literatura sobre Compostela, á que definiu como "unha enorme cidade literaria". Apuntou que Xela Arias, á que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas, viviu en Santiago; igual que Emilia Pardo Bazán, da que en 2021 se cumpre o centenario do falecemento; que ademais utilizou a cidade como escenario de varias das súas narracións. Cómpre seguir traballando, engadiu, para difundir a "enorme riqueza cultural que temos e que estamos construíndo cos premios SELIC".

O Premio SELIC 2019 de creación literaria tivo unha dotación de 2.500 euros, así como a publicación da obra. O xurado desta segunda edición estivo integrado por Helena Villar, Francisco Macías, Iris Cochón, Eudardo Estévez e Francisco Valeiras.

Biografía de Lupe Gómez
Escritora e xornalista, Lupe Gómez naceu en Fisteus, Curtis, en 1972. É autora de libros como Pornografía, Fisteus era un mundo, O útero dos cabalos, Azul e estranxeira, Luz e Lupe, Quero bailar, Diario dun bar, Diálogos imposíbeis, A grafía dos mapas ou Camuflaxe. No ano 2004 colaborou co Concello de Santiago, realizando o libro A vida. As bolboretas queren voar, no que aparecen textos seus con fotografías de Javier Iglesias.

Durante moitos anos foi colaboradora do xornal Galicia Hoxe, no que realizou múltiples entrevistas, artigos, críticas de libros, teatro ou música. Gañou premios como o Lorenzo Baleirón, o Johán Carballeira, o Premio da Crítica Española e o Premio da Gala do Libro Galego, entre outros.

Compartir: