POLÍTICAS SOCIAIS

Preséntase o programa "O barrio accesible: comercio TEAtende", que ten como obxectivo mellorar a accesibilidade cognitiva e reforzar o comercio de proximidade

03/12/2020 A concelleira de Políticas Sociais e Saúde, Mila Castro; a coordinadora de programas da Federación Autismo Galicia, Cristina Couto; e a responsable da Área de accesibilidade cognitiva da entidade, Adriana García, presentaron o proxecto "O barrio accesible: comercio TEAtende"; que ten como obxectivo facilitar o acceso ao comercio de proximidade das persoas con Transtorno do Espectro do Autismo (TEA) e con diversidade funcional.

Unha iniciativa que, segundo explicou Mila Castro, ten unha dobre vertente, "por un lado dá un paso máis cara a accesibilidade cognitiva e por outro reforza o comercio de proximidade, que está a ser un dos sectores máis afectados polas medidas restritivas adoptadas para facer fronte á pandemia". A responsable de Políticas Sociais sinalou que desde o Concello "apoiamos todas aquelas iniciativas que traballan en prol da integración, en especial dos colectivos máis vulnerables"; e recordou que hoxe se celebra o "Día internacional das persoas con discapacidade", baixo o lema "Un día para todos".

Nestes últimos meses, a Federación Autismo Galicia, conscientes do escenario da pandemia, está levando a cabo unha serie de medidas no marco deste proxecto de axuda ao comercio local; elaboradas a partir de enquisas previas ás persoas con TEA e familias das entidades federadas da área de Santiago de Compostela, ASPERGA e ASPANAE, e tamén a comerciantes da Fundación Santiago Centro.

A federación recolleu e está recollendo, a través da web http://accesibilidad.autismogalicia.org/ todas as necesidades que presentan os diferentes grupos respecto a accesibilidade cognitiva nos comercios de proximidade da cidade, e as dificultades na comunicación e a interacción social entre eles. Un espazo web creado como alternativa, segundo Adriana García, a un proxecto de asesoramento personalizado para comerciantes, que non se puido facer a causa da pandemia. As/os comerciantes que cubran o formulario "Qué necesito para facer o meu comercio accesible?" recibirán de balde as recomendacións necesaria.

Porque, despois de analizar as enquisas, os resultados plásmanse nunha nunha serie de recomendacións que teñen como finalidade pór en valor o comercio local, ofrecéndolle unha oportunidade de ampliar e coidar a súa clientela. Cristina Couto animou aos comerciantes a entrar na enquisa e cubrila, para implementar, sinalou "unhas medidas moi sinxelas que axudan a facer un comercio para todas e todos". A sinalización do comercio cun pictograma, a organización do espazo, ou establecer pautas para mellorar a interacción coa clientela, non so beneficia ás persoas con TEA, senón tamén aos propios negocios, facendo deles comercios inclusivos e accesibles para todas as persoas. Dende a Federación esperan que o proxecto "O barrio accesible: comercio TEAtende", sirva como fonte de sensibilización a toda a poboación, podendo estendelo a outros sectores.

TEA
O Trastorno do Espectro do Autismo ou TEA é un conxunto amplo de condicións que afectan ao neurodesenvolvemento e ao funcionamento do sistema nervioso, dando lugar a dificultades de comunicación e interacción social, xa que inciden na flexibilidade do pensamento e da conducta. A súa prevaleza é de 1 caso cada 100 nacementos. Considérase que hai más de 450.000 persoas con TEA en España, pero non existen datos exactos ao respecto, porque non hai rexistros de poboación con diagnóstico a ningún nivel (estatal ou autonómico).

A Federación Autismo Galicia naceu no ano 1995 como unha entidade que engloba ás entidades de pais, nais, de titores e de profesionais, protectoras de persoas con trastorno do espectro do autismo da Comunidade Autónoma de Galicia. Actualmente conta cunha rede de 16 entidades distribuídas por todo o territorio galego, e representa a máis de 8,000 persoas, entre familias e persoas con TEA

Compartir: