DEPORTES

O pavillón do Restollal acollerá o 5 de decembro o Campionato Galego Infantil de Karate, no que participan 137 karatekas de entre 5 e 13 anos

02/12/2020 A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa; e o presidente da Federación Galega de Kárate e D.A. (Disciplinas Asociadas), Óscar Lafuente López, presentaron o Campionato Galego Infantil de Kárate, que se vai celebrar o día 5 de decembro, sen presenza de público, no pavillón municipal do Restollal. A concelleira destacou o número de participantes inscritos, 137, procedentes de 20 clubs que competirán, a nivel individual, nas modalidades de kata e kumite.

A competición, clasificatoria para o campionato de España Infantil, que se celebrará entre o 18 e o 20 de setembro, poderase seguir on-line a través da web e www.karatesocring.com e a través da canle de You Tube da Federación Galega de Karate, xa que se retransmitirá por streaming. Nela participan karatekas de entre 5 e 13 anos, divididos nas categorías de benxamín, alevín, infantil e xuvenil.

Esther Pedrosa destacou o paso de xigante dado o ano pasado polo kárate galego, con dúas participantes no campionato de Europa, "que acadaron medalla". "Alegrámonos", engadiu, "porque estes deportes minoritarios teñen que avanzar", facerse máis visibles", polo que "os axudaremos na medida que poidamos".

Óscar Lafuente cualificou este campionato infantil como "a competición máis destacada no noso calendario deportivo pola importancia do deporte de base, e polo volume de participantes". Agradece ao concello de Santiago, "a posibilidade de traer" para a cidade esta competición "nun momento tan difícil para o deporte, no que estamos loitando todos por sacar adiante as nosas actividades", que se desenvolven seguindo, continuou, un estricto protocolo sanitario e de seguridade, e nun "espazo seguro de práctica deportiva".

A competición desenvolverase conforme ao protocolo elaborado pola Federación Galega de Kárate no que se recollen todas aquelas medidas técnicas, organizativas e de seguridade e hixiene necesarias para poder celebrar este tipo de eventos nunha contorna segura que minimice os riscos de contaxio por exposición fronte COVID19.

Coa finalidade de reducir ao máximo o número de persoas na instalación, comezarase pola competición na modalidade de kata e a continuación coa modalidade de kumite. Unicamente se permitirá o acceso á instalación a aquelas categorías que compitan en cada momento. Ademais, estableceranse quendas de entrada para garantir o acceso escalonado dos/das participantes.

Compartir: