ALCALDÍA

O alcalde fai un chamamento ao uso prudente das posibilidades que se abren trala flexibilización das medidas restritivas en Santiago

02/12/2020 O rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, queixo reiterar o chamado á responsabilidade de toda a cidadanía unha vez entren en vigor as novas medidas anunciadas para Santiago pola Xunta de Galicia, que virían flexiblizar as vixentes ata o de agora e que determinaban o peche perimetral do municipio e o funcionamento dos negocios de hostalería só para consumir fóra do establecemento, entre outras.

Segundo anunciou a Xunta, na noite do xoves 3 ao venres 4 rematará o peche perimetral de Santiago e os negocios de hostalería poderán abrir. Iso si, con restricións: no interior dos locais só se permitirá un aforo do 50%, que subirá ata o 75% no caso das terrazas. As reunións poderán ser de 6 persoas máximo, sexan ou non convivintes.

Sánchez Bugallo pediu á cidadanía que siga comportándose con prudencia, "evitemos os grupos e respectemos as distancias de seguridade" porque "sería terrible volver ter que tomar medidas restritivas".

O alcalde lembrou que continúa estando vixente o toque de queda desde as 23.00 horas e que se seguirá multando a quen organize festas nos pisos. Lanza un aviso o rexedor: de nada vale non abrir a porta aos axentes, porque a multa será dobre, "por infracción á ordenanza de ruídos e á Lei de seguridade cidadá por obstaculizar o labor policial". Neste caso as sancións poderían chegar a ser de 3.000 euros.

Compartir: