TURISMO

O Concello e a Asociación Hostelería Compostela pechan as bases para que o sector poida solicitar as axudas para o financiamento do gasto corrente

02/12/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, mantiveron unha xuntanza na mañá de hoxe coa Asociación Hostelería Compostela co obxectivo de preparar a convocatoria da primeira axuda de 1.600.000 euros destinada a financiar o gasto corrente dos negocios de hostalería e restauración que se acollan a ela.

Segundo indicou o alcalde, "é probable que o luns se aproben as bases desta convocatoria" ao igual que a das axudas para o comercio (600.000 euros) e para o sector cultural (300.000 euros). Desta forma, o prazo para a solicitude abrirase a semana que vén, nun día aínda por pechar, e rematará o 15 de decembro.

As axudas terán unha contía mínima de 1.000 euros e máxima de 3.000 para o sector do ocio nocturno, un dos máis prexudicados polas medidas restritivas. Para o resto dos negocios o tope máximo será de 2.500 euros. Outorgaranse por orde de entrada da solicitude no rexistro (na sede electrónica), que deberá ir acompañada dunha declaración responsable debidamente cuberta, porque, tal e como indicou o rexedor, "a data a ter en conta sería a da subsanación".
O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, fixo fincapé en que o sistema busca habilitar "a solución máis rápida posible" para que a inxección de liquidez aos negocios chegue canto antes. A Asociación Hostelería Compostela amosaron a súa satisfacción coa medida.

Segundo plan de axudas
Esta primeira convocatoria de 1.600.000 euros encádrase no plan de axudas aos sectores máis afectados polas medidas restritivas para a contención da pandemia, e executarase con cargo ao remanente de tesourería. Serán en total 3,5 millóns de euros para o comercio, a hostelería e o sector cultural, que se completarán cun millón máis a achegar pola Deputación da Coruña.

Compartir: