TURISMO

Turismo de Santiago incrementa a súa aposta polo Nadal como atractivo turístico

30/11/2020 Turismo de Santiago desenvolverá unha ampla variedade de accións para poñer en valor o Nadal do Concello como atractivo turístico, segundo explicou o Concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, nunha rolda de prensa celebrada no Pazo de Raxoi, na que estivo acompañado da xerente da entidade municipal, Flavia Ramil.

Pese ás limitacións xeradas polo Covid-19, Turismo de Santiago fará un esforzo moi importante para que as imaxes dunha cidade chea de luz en Nadal sirvan tanto para captar visitantes nestas datas, no caso de que se levante o peche perimetral actual, como para anunciar o comezo do Ano Santo Compostelán 2021.

Unha das principais accións é a nova ruta "Luces e Voces da Alameda Compostelá", un singular percorrido polo parque da Alameda, destacando as personaxes senlleiras e outros fitos da historia de Santiago e Galicia presentes neste xardín histórico. Os puntos da ruta serán obxecto de intervencións de luz e cor durante o mes de decembro e primeiros de xaneiro a partires das 18.00 horas. Contará ademais cun folleto-plano dispoñible na oficina central de Turismo de Santiago e tamén na web ww.santiagoturismo.gal/nadal, onde se poderá consultar toda a información sobre o Nadal en Santiago.

O percorrido comprende os seguintes puntos iluminados: a entrada principal da Alameda en Porta Faxeira; as esculturas das Marías, Valle-Inclán e Isaac Díaz Pardo; o Banco dos namorados; a estatua da Leiteira; a fonte "romántica"; o monumento a Rosalía de Castro; a recentemente inaugurada talla de Federico García Lorca; o monumento a Pais Lapido - "Alegoría de Galicia"; o Pavillón de Recreo, de Antonio Palacios; a escultura de homenaxe a Castelao e a igrexa de Santa Susana, situada no punto máis alto da Alameda.

Turismo de Santiago tamén iluminará diferentes edificios representativos como a Fachada de San Domingos de Bonaval, a Fachada do Pazo de San Xerome e a Casa da Conga. Neste lugar faranse proxeccións de ilustracións de artistas galegos a partires dos 18.00 horas. Do 4 ao 25 decembro serán Ilustracións de Nadal a cargo de Laura Tova, Carlos Arrojo, Nuvi & Éxfico e Andrea López Álvarez; e do 26 de decembro ao 6 xaneiro serán Ilustracións para felicitar o aninovo de Iria Prol, Leandro Barea, María Novoa e David Sierra.

Ademais, Turismo de Santiago organiza o Belén Tradicional da iglesia románica de San Fiz de Solovio, con máis de 200 figuras de barro e lenzo pintado, todas feitas a man, que compoñen este nacemento cedido por José Uzal, no que se inclúen diferentes escenas, pezas en movemento e tamén iluminación e son. O Belén poderá visitarse do 4 de decembro ao 5 de xaneiro.

Documentos relacionados



Compartir: