XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a apertura do procedemento de adxudicación do servizo de mantemento e conservación dos espazos verdes do concello por preto de 12.700.000 euros

23/11/2020 A Xunta de Goberno Local aprobou a apertura do procedemento de adxudicación do expediente do "servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arboredo do Concello de Santiago de Compostela", así como a aprobación do gasto correspondente que ascende a 12.695.974,29 euros. Segundo explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, este contrato afecta á conservación e mantemento dunha superficie de 2.693.000 metros cadrados de parques e espazos verdes do concello, quedando excluídos os de Salgueiriños e Vidán, xestionados por entidades sociais.

Un contrato que, engadiu o rexedor, ten unha vixencia de tres anos, prorrogable por outros dous. O importe resultante da contratación satisfarase con cargo aos orzamentos do Concello de Santiago de Compostela, tramitándose como anticipado de gasto, xa que a prestación do servizo non se iniciará ata o vindeiro ano; quedando condicionado, polo tanto, á súa inclusión no exercicio orzamentario 2021. O pago divídese en catro anualidades:

Anualidade 2021: 2.821.327,62 euros.
Anualidade 2022. 4.231.991,43 euros.
Anualidade 2023: 4.231.991,43 euros.
Anualidade 2024: 1.410.663,81 euros.

O executivo municipal tamén aprobou a realización do Festival do Apego o 27 de decembro no Auditorio de Galicia; e o gasto estimado para esta actividade, que ascende a 29.887 euros IVE incluido. Consistirá nun espectáculo escénico e musical coa participación de artistas consolidados do panorama cultural infantil, para a súa recepción na propia sala e a través de vídeo en directo, ademais da produción de nove pezas audiovisuais para fornecer recursos permanentes para a crianza en galego.

MOBILIDADE
O executivo municipal tamén aprobu a peonalización do ámbito formado polas rúas Travesa da Universidade e da Praza da Universidade, praza da Fonte Seca e praza e rúa de Mazarelos, en dúas fases. A primeira delas, dende o 1 de decembro, na que se permitirá a presenza de vehículos nestas rúas ata as dúas da tarde. E a segunda fase, un mes despois, cunha peonalización total, sen convivencia cos vehículos.

Por outra banda, tamén se acordou habilitar as 30 prazas de aparcamento reservadas na rúa Altiboia para residentes da zona 3_San Pedro, co obxectivo compensar o déficit de prazas durante a execución das obras de Concheiros e da Avda. de Lugo.

LICENZAS
Na reunión da Xunta de Goberno Local tamén se aprobou a concesión da licenza para a terceira fase do "Proxecto de infraestutura de telecomunicacións para o despregue de Rede FTTH Orange/Jazztel na cidade histórica de Santiago de Compostela. Fase 3", que conta cun orzamento de execución material de 24.185,44 euros. O proxecto contempla o despregue da fibra óptica nas rúas de Entremurallas (números impares), Senra (números pares do 2 ao 16), Orfas, (números impares), Fonte de Santo Antonio (números impares), Rúa Nova, Rúa Tras Salomé (números pares), Rúa da Caldereiría, e Rúa do Castro, (números pares).

OUTROS ACORDOS
Tamén se deu luz verde á proposta de resolución definitiva das empresas beneficiarias da convocatoria de axudas a empresas para a reactivación económica Compostela Móvese 2020, COVID19, para autónomos e micropemes de menos de once traballadores/as de Santiago de Compostela. En concreto aprobáronse as listaxes definitivas de empresas propostas como beneficiarias das axudas a xuros, que son 62.

Ademais, a Xunta de Goberno Local acordou declarar o dereito de TROBEIRO, S.L. a percibir unha indemnización por importe de 65.573,76 euros en concepto de compensación polo importe dos prezos públicos pola prestación de servizos da Escola Municipal de Música deixados de percibir durante os meses de abril, maio e xuño de 2020; e polo importe da compensación por aplicar a exención daqueles prezos públicos a usuarios membros de familias numerosas nos meses de abril, maio, xuño, setembro e outubro de 2020. A maiores acordouse autorizar, dispoñer e recoñecer a obriga e liquidación dos gastos por importe de 38.600 euros, en concepto de
servizo de xestión da Escola Municipal de Música correspondente aos meses de setembro e outubro de 2020.

Documentos relacionados



Compartir: