MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

Remata a primeira fase das actividades do departamento de educación viaria da Policía local nos centros escolares

17/11/2020 O departamento de educación viaria da Policía local segue comprometido cos escolares a pesar das circunstancias especiais impostas pola pandemia. Aínda que arrancou un pouco máis tarde, o programa que busca facer dos pequenos e pequenas uns viandantes concienciados e seguros chegou, nesta primeira fase, ao alumnado de 4º de primaria de 14 centros da cidade.

A actividade "Móvete seguro con moito olliño", o programa de educación viaira pensado especialmente para o alumnado de primaria, arrancou o pasado 13 de outubro no colexio López Ferreiro cos alumnos de 4ª e rematou o 16 de novembro cos nenos e nenas do CEIP Monte dos Postes. En total, desenvolveuse a actividade en 14 centros de Santiago, iso si, tendo en conta todos os protocolos de seguridade e medidas sanitarias acordadas polas autoridades.

Máis actividades para o ano que vén
Os meses de xaneiro e febreiro do ano 2021 dedicaranse aos alumnos de 1º de bacharelato, cos que se traballará no marco da campaña "Ti controlas, ti decides", que busca concienciar sobre os perigos do consumo de alcohol e drogas cando se vai empregar o coche; e aos de 3º da ESO, para os que se pensou a actividade "Pola túa seguridade".

Continuarase no mes de marzo cos mais pequeniños, os nenos e nenas de infantil, co programa "Xeraldina viaxa connosco". Xa para abril e maio será o tempo do alumnado de 6º de primaria, cos que se traballará no marco da campaña "Son condutor de bicicleta". Estas dúas actividades, que se desenvolven habitualmente no parque infantil instalado no recinto feiral de Amio, celebraranse nestas dependencias se a evolución da pandemia o permite.

Non son os escolares o único colectivo co que traballa o departamento, que tamén realiza actividades para quen sufre algunha discapacidade, a través do programa "Vivimos as mesmas realidades", ou cos non tan pequenos ("Maiores máis seguros"). Ambas propostas soen realizarse neste último trimestre do ano, pero víronse adiadas por mor da pandemia. Fixarase un novo calendario en función da evolución da mesma.

Colecamiños
O departamento continúa a traballar no proxecto "Colecamiños" cos tres colexios onde está en funcionamento (Raiña Fabiola, Pío XII e Ramón Cabanillas) co obxectivo de fomentar a máxima participación. Dende a Policía local consideran que é "unha boa medida para evitar o contaxio do coronavirus, porque está demostrado que estar en espazos abertos e ao aire libre diminúe de forma importante as posibilidades de transmisión, tendo sempre en conta as medidas sanitarias de seguridade como son o uso da máscara e a distancia de seguridade".

Compartir: