ALCALDÍA

O Concello autoriza a colocación de terrazas en zonas reservadas ao aparcamento

23/10/2020 O decreto asinado polo alcalde esta mañá autoriza a ocupación destas zonas de forma excepcional e, como máximo, ata o 5 de abril de 2021. Segundo indicou Sánchez Bugallo en rolda de prensa, as solicitudes avaliaranse unha por unha e a ocupación estará limitada a dúas prazas de aparcamento por terraza.

"Esta Alcaldía é consciente da repercusión negativa que as novas restricións teñen sobre a actividade da hostalería e restauración" e polo tanto, indicou Sánchez Bugallo, co obxectivo de "apoiar a este sector económico, que está a padecer, de xeito especialmente preocupante, as consecuencias derivadas da crise sanitaria provocada pola COVID 19, propoñemos a adopción dunhas medidas que permitirán a ocupación, baixo as condicións que se especifican no decreto asinado hoxe, de espazos na calzada destinados a estacionamento".

Deste xeito, autorízase de forma excepcional e ata, como máximo, o 5 de abril de 2021, ou con anterioridade, de levantárense as restricións, a ocupación de prazas de aparcamento na vía pública para instalación de terrazas de hostalería, coas seguintes condicións:

- As solicitudes serán presentadas e valoradas de xeito individual.

- As propostas serán informadas polos técnicos do Servizo de Mobilidade e Seguridade, co fin de valorar a súa afección á ordenación e seguridade da circulación viaria.

- Delimitarase o espazo con elementos de separación, estruturas de pechamento de carácter desmontable lixeiras e carentes de cimentación, debidamente sinalizadas, que cumpran os requisitos de accesibilidade.

- A ocupación restrínxese a dúas prazas de aparcamento, como máximo, que poderán ser, no seu caso, prazas de aparcamento regulado.

- As prazas de aparcamento destinadas a carga e descarga soamente poderán ser utilizadas despois do horario destinado a tal fin.

- Non se permitirá a ocupación simultánea da beirarrúa e da calzada. A autorización de ocupación da calzada con terraza determinará a imposibilidade de ocupar con estas instalación a beirarrúa, que deberá quedar expedita para garantir o tránsito peonil sen atrancos, respectando as normas de distanciamento social.

- A vixencia das autorizacións que se concedan corresponderase co período de funcionamento autorizado segundo se determina no acordo, sen posibilidade da renovación automática contemplada no artigo 6 da Ordenanza de Terrazas e Quioscos de Hostalería.

- As autorizacións poderán ser revogadas nos supostos e circunstancias recollidos no artigo 27 da Ordenanza de Terrazas, ademais de por razóns derivadas da ordenación e seguridade do tráfico.

- No suposto de que a terraza a instalar se leve a cabo en viario incluído no ámbito da Cidade Histórica (Plan Especial-1) os elementos de separación deberán contar co ditame favorable da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico.

O resto das condicións e circunstancias que afecten á ocupación e instalación destas terrazas rexerase polas disposicións contidas na Ordenanza Municipal de Terrazas e Quioscos de Hostalería.

O decreto tamén indica que, tendo en conta que a ocupación de prazas de aparcamento pode afectar ás sometidas ao réxime de aparcamento regulado, de conformidade co establecido Ordenanza do Sistema de Regulación e Ordenación do Aparcamento 0.R.A e Aparcamento de Residentes, darase conta á Xunta de Goberno Local das modificación operadas temporalmente no número e disposición destas prazas.

Publicación das axudas ao sector da hostalería e ás micropemes
A ampliación de terrazas non foi a única medida específica para a hostalería á que se referiu o alcalde, que lembrou a publicación, no día de onte, da resolución definitiva das axudas para a mellora e a innovación dos negocios de restauración e hospedaxe, dentro do Plan de reactivación económica activado polo Concello durante a pandemia.

Tamén onte se publicou a listaxe definitiva da liña de axudas pensada para micropemes de ata 11 traballadores posta en marcha polo departamento de Promoción Económica (Poden consultarse as listaxes aquí)

Evolución das cifras en Santiago
O rexedor amosou de novo a súa preocupación pola evolución das cifras da pandemia na cidade, que se sitúa nos 401 casos activos. Nas dúas últimas semanas Compostela experimentaron unha suba do 100%, "cifra excesiva que esixe reiterar o chamamento á responsabilidade individual e colectiva", indicou Sánchez Bugallo. Si resaltou o alcalde que se está a producir unha redución no número de festas detectadas en pisos: das 20 do xoves 8, pasouse a 10 o xoves 15 e a catro na noite anterior. "Tendencia correcta", sinalou o rexedor, que non obstante engadiu que segue resultando sorprendente "que no escenario actual alguén monte unha festa no seu piso".

Sobre o posible peche de parques ou de pistas polideportivas, o rexedor avanzou que se tratará o tema na xuntanza do goberno municipal prevista para última hora da mañá de hoxe.

Compartir: