ALCALDÍA

O alcalde amosa o respecto do Concello ás novas restricións adoptadas polo Comité clínico e agarda que teñan un efecto positivo

21/10/2020 Á espera da publicación no DOG da instrución da Xunta coas novas medidas restritivas previstas para Santiago, o alcalde quixo amosar publicamente o respecto e o acatamento das mesmas por parte do Concello, así como a colaboración da administración local "dentro das nosas posibilidades".

"Eramos conscientes da necesidade de adoptar medidas adicionais" tendo en conta a evolución dos contaxios na cidade, que pasou de estar nos 170-180 casos no mes de setembro a, nos últimos 6 días, chegar aos 235 e a situarse a día de hoxe nos 360 casos activos (370 por 100.000 habitantes). "Estamos ante unha subida significativa", entende Bugallo, "que require e xustifica" as medidas adoptadas polo Comité clínico. "Nós o que temos que facer é acatalas e poñelas en funcionamento". A este respecto, o rexedor avanzou que o Concello estudará a instrución unha vez sexa publicada e tomará as decisións que correspondan co obxecto de aplicala.

Sánchez Bugallo amosou a súa comprensión cos sectores que máis afectados se van ver, entre eles a hostalería, e lembrou que o Concello xa foi tomando medidas para paliar os efectos das restricións neste sector, como a autorización de elementos de calefacción nas terrazas ou a ampliación das mesmas. Non obstante, o alcalde precisou que debería ser a administración que toma a decisión a que contribúa a calmar os seus efectos negativos: "a Xunta e administración xeral do Estado deberían ser as que, en primeiro lugar, tomaran medidas para compensar aos sectores afectados".

Compartir: