SEGURIDADE CIDADÁ

Esta medianoite entra en vigor o decreto que endurece as sancións por ruidos

15/10/2020 A concellaría de Seguridade Cidadá acaba de emitir un decreto, que entrará en vigor ás 24:00 h. da madrugada, que contempla, segundo explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, "un endurecemento de determinado tipo de sancións que poden afectar negativamente á convivencia, especialmente a través dos ruidos". Ata o de agora as multas eran de 200 euros. A partir de mañá, 16 de outubro, incrementaranse segundo as franxas horarias nas que se cometa a infracción: entre as 22:00 e as 24:00 h. seguirá sendo de 200 euros; entre as 24:01 h. e as 03:00 de 500 euros; e entre as 03:01 e as 07:00 h. aumenta ata os 750 euros.

O decreto, asinado polo concelleiro Gonzalo Muiños, aproba a instrucción para a tramitación dos procedementos sancionadores polo incumprimento do título V da Ordenanza xeral municipal reguladora da emisión e recepcion de ruidos, vibracións e condicións dos locais. Pero, aclara o alcalde, "non modifica a ordenanza, reinterprétaa".

Sanchez Bugallo explicou aos medios de comunicación que o artigo 45 da lei de Sanidade de Galicia establece que os concellos poden aplicar as sancións derivadas da normativa autonómica, sempre que así o establezan as ordenanzas municipais. "Propuxemos", sinalou, que "se fixera unha modificación expres do texto da lei suspendendo ou retirando ese parágrafo que di: dacordo co establecido nas ordenanzas muncipais", pero ao non producirse ese cambio, o que se fixo, engadiu, foi unha reinterpretación da ordenanza municipal. Por iso, aclara, as multas son por ruidos, non "por outro tipo de condicións vinculadas á normativa sanitaria", porque a día de hoxe "non temos competencias".

O alcalde sinala que con esta modificación, os castigos por festas en pisos serán maiores, o que pensa, xerará un efecto disuasorio. En todo caso, engade, o obxectivo é "concienciar e correxir as condutas inapropiadas". No caso de reincidencia, a sanción pasaría ter a condición de falta grave, podendo incrementarse as multas "ata os 1.500 euros ou incluso cantidades superiores".

O rexedor engadiu que "estamos á espera" de que a Xunta habilite unha normativa para que os concellos poidan sancionar dacordo á lei autonómica. Mentras tanto, "estamos buscando solucións" a un grave problema, "que nos preocupa", como as festas en pisos. Desde que comezou o curso, a policía local acudiu a 159 festas en pisos (64 na primeira semana de curso, 30 na segunda, 58 na terceira, e 7 no que levamos desta semana). Conclúe que non "lle parece unha cifra menor", pero que nesta semana, "se nota unha reducción moi substancial".

Sobre o peche dos locais de hostalería, sinalou que desde o concello non se plantexou, de momento, porque, sinala, se o maior número de contaxios non se produce no ámbito hostaleiro, "sería un pouco inxusto castigar" ao sector. Afirma que no último mes e medio, lévanse tramitadas 13 denuncias contra este tipo de establecementos, das que só "dúas ou tres" son graves. E engade, ademais, que por consumo de alcól na vía públicase se levan cursado,neste último mes, medio cento de denuncias.

Compartir: