CULTURA

Comeza o ciclo musical Composjazz coa actuación do grupo Ficções

08/03/2007 Compostela acollerá durante dous meses o Composjazz, un ciclo musical que traerá á nosa cidade os mellores intérpretes do panorama do jazz galego e español. O programa, organizado pola Concellaría de Cultura, coa colaboración da Fundación Caixa Galicia, foi presentado polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego, o xerente do Auditorio, Pablo Rodríguez e Patricia Maceira, da Fundación Caixa Galicia.

O ciclo comeza o 10 de marzo coa actuación no Auditorio de Galicia do grupo Ficções, e ata o 16 de maio, co derradeiro concerto, a cargo da Ten Jazz Men (big-band), os composteláns poderán gozar do jazz da man de artistas de remarcado renome como Philip Catherine, o 31 de marzo; a xenuína Martirio, o 15 de abril; o cuarteto de Carlos López, o 28 dese mesmo mes; e o trío de Enrique Azambuya, o 4 de maio.

Ficções é un grupo portugués creado en 1988 por un dos seus integrantes, guitarrista e compositor, Rui Luis Pereira. Practica unha música de fusión entre os estilos ibéricos, música étnica portuguesa e o jazz, na súa perspectiva de improvisación. Está composto por catro membros: Rui Luis Pereira (Dudas) na guitarra, Alexandre Frazão coa batería, Jorge Reis no saxofón e Yuri Daniel encargado do baixo eléctrico.

O seu primeiro concerto en directo foi no mesmo ano do seu nacemento no Hot Club de Portugal e, dende entón, ten actuado en diversos concertos no país veciño e no estranxeiro, destacando as presenzas no Jazz Lis/92, no Festival Maré de Agosto 92, nos Encontros de Jazz de Amadora 92 e no IX Festival Internacional de Jazz de Macau no 1995. Ficções lanzou o seu primeiro disco, "Aqua" en 1992 e tres anos máis tarde sairía á luz o seu segundo traballo, "Zambra", que será lembrado nesta primeira edición do Composjazz.

Compartir: