ACCIÓN CULTURAL

A Banda Municipal de Música ofrecerá catorce concertos dentro do ciclo de outono

28/09/2020 "En tempo cos ventos" é o título que agrupa os catorce concertos que dará a Banda Municipal de Música nos vindeiros tres meses. O programa, que foi presentado esta mañá pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director da formación, Casiano Mouriño, recolle importante colaboracións e o comezo dun ciclo de concertos nos centros socioculturais.

A concelleira quixo facer fincapé na importancia de poder seguir levando a cabo programas como este de outono a pesar das actuais circunstancias e coas limitacións de aforo que estas impoñen. "Seguimos programando, incidiu Mercedes Rosón, para ofrecerlle á cidade a oferta cultural que merece".

Casiano Mouriño resaltou as importantes colaboración coas que contará a Banda neste ciclo de outono: Abrahan Cupeiro, Esteban Batallán, José Alberto Pina e Marina Penas, que enriquecen a xa de por si ampla oferta da Banda. Tamén salientou o inicio do ciclo de concertos nos centros socioculturais, iniciativa que pretende achegar a música aos barrios e facela accesible a todo o mundo.

Outubro
O programa arranca o vindeiro domingo día 4 de outubro co concerto "Entre danzas e poemas", que terá lugar ás 12.00 h no Teatro Principal, dirixido polo propio Casiano Mouriño. O Auditorio de Galicia toma o relevo para o seguinte concerto, o domingo 11, que contará coa participación do músico experto en instrumentos ancestrais Abraham Cupeiro. Será ás 12.00 h.

Tamén no Auditorio de Galicia (neste caso ás 20.00 h) se celebrará o espectáculo do venres 16, no que a Banda contará coa colaboración de Esteban Batallán, trompeta solista da Chicago Symphony Orchestra. Tanto a concelleira coma o director da Banda sinalaron a relevancia acadada por Batallán e calidade deste músico galego. Neste concerto, a trompeta será a protagonista.

Os dous últimos xoves de mes haberá concerto nos centros socioculturais. O día 22 no das Fontiñas baixo o título ""Cuarteto de Clarinetes da BMSC" e o 29 no CSC do Romaño, neste caso a cargo do "Cuarteto de Saxofóns da BMSC". Nos dous casos será ás 19.00 horas.

Novembro
O mes de novembro arranca con "Carmen de Bizet", ás 12.00 h do domingo 8 no Teatro Principal. O seguinte domingo, a Banda participará unha vez máis en Cineuropa cun concerto ás 12.00 h no Auditorio de Galicia.

O xoves 19 a formación trasládase unha vez máis aos centros socioculturais, neste caso ao de Santa Marta, para dar un recital que correrá a cargo do quinteto de Vento-Metal. Será ás 19.00 horas.

O mes péchase co concerto do domingo 29: "Cores do Mundo", coa participación de José Alberto Pina como director convidado. Terá lugar ás 12:00 h no Teatro Principal.

Decembro
O domingo 6 de decembro será o tempo dos concertos en familia, dentro do Festival Atlántica. Nesta ocasión a banda acompañará á narradora Charo Pita na interpretación da obra "O gato con botas". Os máis pequenos poderán disfrutar deste espectáculo ás 12.00 h no Teatro Principal.

O concerto do domingo 13 leva por título "Unha mañá coa Lírica" e contará coa presenza da soprano Marina Penas, que intepretará un programa entre a Zarzuela e a Ópera. Tamén ás 12.00 h no Teatro Principal.

O ano remata do concerto de Nadal, o domingo 20 ás 12.00 h no Teatro Principal e coa participación nos actos institucionais da Translación e da apertura da Porta Santa, o 30 e o 31 de decembro, respectivamente.

As entradas para os concertos poderán reservarse na web www.compostelacultura.gal ou adquirirse na billeteira do Teatro Principal.

Documentos relacionados



Compartir: