ACCIÓN CULTURAL

A Real Filharmonía de Galicia pecha as Xornadas de Música Contemporánea, baixo a batuta do mestre Maximino Zumalave

21/09/2020 A Real Filharmonía de Galicia porá o broche final ás Xornadas de Música Contemporánea, unha iniciativa impulsada polo Concello de Santiago, a Universidade de Santiago e o Centro Galego de Arte Contemporánea; co apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago. O concerto celebrarase este mércores, 23 de setembro, no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. Dirixirá a orquestra o Mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da RFG.

A entrada é libre ata completar o aforo, que nestes intres está limitado a 60 persoas por mor da situación sanitaria. A reserva de convites pode realizarse a través da páxina web www.compostelacultura.gal e no despacho de billetes do Teatro Principal (en horario de martes a sábado e o día do evento, de 18.00 a 21.00 horas).

O programa comezará co Concerto para orquestra de cordas da compositora, violinista e pianista Grazyna Bacewicz (1909-1969). Trátase da artista polaca máis importante do século XX. Con esta obra gañou o Premio Nacional de Polonia en 1950.

Compositores galegos contemporáneos
O concerto inclúe varias obras de compositores galegos contemporáneos. Así, soará Mares nocturnos do músico coruñés Manuel Balboa (1958-2004). É unha evocación á Costa da Morte e está inspirada na música que o autor compuxo para o filme El baile de las ánimas de Pedro Carvajal.

Os músicos interpretarán tamén From flame to memory do coruñés Xavier de Paz (1963). Esta obra compúxoa por encargo da Real Filharmonía de Galicia, que a estreou na temporada 2007-2008, dirixida entón a orquestra tamén polo mestre Maximino Zumalave. Representa unha ruptura coa súa produción anterior, cunha estética máis próxima ao neoexpresionismo pero mantendo os trazos compositivos tan característicos do autor.

O concerto concluirá coa danza sinfónica Plenilunio, do compositor ponteareán Rogelio Groba (1930).

Compartir: