BENESTAR SOCIAL

Santiago, a primeira cidade de España en recibir o premio Reina Sofía de Accesibilidade

07/03/2007 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, viaxou a Madrid para recoller o Premio Reina Sofía de Accesibilidade 2006 que se concede este ano por primeira vez a poboacións. Compostela acadou o galardón na máxima categoría, que premia a cidades de cen mil habitantes en adiante.

O alcalde recolleu o premio de mans da Raíña Sofía nun acto celebrado no Palacio da Zarzuela, ao que tamén acudiu a concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira. O galardón, que concede o Real Patronato sobre Discapacidade, adscrito ao Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, recoñece por primeira vez este ano o labor das cidades españolas na eliminación de barreiras arquitectónicas e virtuais que dificultan a vida diaria das persoas con discapacidade.

O xurado dos Premios apreciou o labor realizado en Compostela no eido da accesibilidade entre os municipios de máis de 100.000 habitantes, recoñecendo con este xesto á poboación flotante que vive en Compostela (estudantes na súa maioría) e ás persoas que a visitan diariamente, ademais dos cidadáns de dereito. En termos xerais, a finalidade destes premios é recompensar un labor continuado, levado a cabo nun período de tempo non inferior a cinco anos, no campo da accesibilidade universal das persoas con discapacidade ao medio físico, a educación, o ocio, a cultura, o deporte, o transporte, o turismo e as novas tecnoloxías da información e da comunicación.

No acto de entrega dos Premios, a Secretaria de Estado de Servizos Sociais, Familias e Discapacidade, Amparo Valcarce, explicou que Santiago recibiu o premio porque soubo "interpretar a nova dimensión de accesibilidade universal, que vai máis alá da eliminación das barreiras arquitectónicas e chega ao planeamento urbanístico e ás novas tecnoloxías", e resaltou que Compostela ten feito un grande traballo "na concienciación cidadá traballando para elo en estreita colaboración coas entidades sociais da cidade".

Neste mesmo sentido, durante a súa intervención no Palacio da Zarzuela, Sánchez Bugallo recalcou que "este no é un mérito único do Concello, que esencialmente puxo a parte á que está obrigado en defensa dos intereses polos que ten que velar, senón sobre todo das organizacións sociais da cidade". O alcalde tamén anunciou que próximo día 14 compartirá o premio con todas as entidades sociais de Santiago nun acto que se celebrará en Raxoi.

Pola súa parte, a concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira, incidiu en que "aínda nos queda moito por facer, especialmente na eliminación das barreiras psicolóxicas".

Eliminación de barreiras e Guía de Accesibilidade

No caso de Santiago, o galardón valora a eliminación de barreiras arquitectónicas en edificios, no transporte e na comunicación. Tívose en conta o enorme esforzo realizado nunha cidade que é Patrimonio da Humanidade, coa dificultade que entraña o facer accesible moitas partes do Casco Histórico sen alterar substancialmente os ámbitos e as estruturas de carácter histórico ou monumental.

Tamén se valorou a creación de prazas para minusválidos, de acordo coas organizacións e institucións que os representan. En Compostela hai na actualidade 119 prazas de aparcadoiro reservadas para persoas con mobilidade reducida. Ademais, 35 dos 42 autobuses urbanos dispoñen de axeonllamento dianteiro (baixa suspensión na parte dianteira para facilitar o acceso). Na próxima renovación da flota a adaptación será total. Destes 35 autobuses, 17 dispoñen de rampa de acceso para persoas con mobilidade reducida. Os vehículos tamén dispoñen de timbre adaptado para minusválidos e asentos de fácil acceso. No eido do transporte cóntase tamén con dous taxis adaptados.

As actuacións realizadas para eliminar barreiras de comunicación iniciáronse coa instalación de locutorios en edificios de carácter público, dotados de teléfonos de texto. Aumentáronse as adaptacións acústicas con temporizador na liña semafórica da cidade (que indican o tempo que queda para cruzar e anuncian en voz alta a ubicación exacta e cando se pode pasar ao outro lado da rúa). Esta actuación supuxo unha das novidades máis exitosas.

En total, no período 1998-2006 investíronse en Compostela 1.841.135 euros en obras de accesibilidade, grazas aos fondos achegados polo propio Concello, os fondos FEDER, o IMSERSO, ONCE, Comunidade Autónoma e Ministerio de Asuntos Sociais.

Tamén se recoñeceu a elaboración dunha Guía de Accesibilidade editada pola Concellería de Benestar Social na que figuran establecementos de hostalería accesibles, así como un listado das asociacións que colaboran co Concello.

Ata o de agora, os premios Reina Sofía de Accesibilidade que concede o Real Patronato sobre Discapacidade, so se outorgaban a persoas, asociacións ou entidades sociais. Este ano, por primeira vez, os galardóns recaeron sobre poboacións. Deste xeito Compostela convértese na primeira cidade española en recibir o máximo galardón en accesibilidade, que premia ás poboacións de cen mil habitantes en adiante. Tras dela, na categoría de entre dez mil e cen mil habitantes, recibiu o premio a cidade de Lugo. As vilas de Fontanar (Guadalajara) e Ribadesella (Asturias) recolleron o premio ex aequo na modalidade de municipios de menos de dez mil habitantes.

Compartir: