POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello achega máis de 250.000 euros a cinco entidades para programas de carácter social

11/09/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado pola concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, asinou os convenios de colaboración para o 2020 coas entidades Fundación Down Compostela, Colexio de Avogados, Cáritas, Cociña Económica e Fundación Secretariado Xitano.

As contías dos convenios de colaboración asinados esta mañá fan un total de 251.581,94 euros, cos que as entidades financian diversas actividades realizadas ou a realizar neste 2020. Fundación Down Compostela recibirá 10.498,00 euros; 3.000 euros serán para o Colexio de Avogados; 120.000 para o programa de atención primaria de Cáritas, que recibe tamén 30.083,94 euros para o programa Vagalume ; para a Cociña Económica destínanse 65.000 euros; e 23.000 para a Fundación Secretariado Xitano.

Fundación Down Compostela
O convenio financiará o proxecto de vida independemente "Isto é vida", que non se entende como un recurso no que a persoa beneficiaria vaia permanecer toda a vida, senón que está deseñado para capacitar ás persoas coa Síndrome de Down ou discapacidade intelectual para vivir no seu propio fogar, para planificar o seu futuro e para realizar os seus proxectos de vida.

Actualmente, as persoas usuarias participan en estancias curtas que xeran experiencias de vida independente na que o grupo é o encargado de establecer unhas normas de convivencia baseadas no respecto e na participación activa dentro do fogar e a contorna comunitaria.

As estancias consisten en estratexias planificadas de aprendizaxe e capacitación en autonomía e vida independente. Ditas estancias teñen lugar entre semana, de luns a venres durante todo o ano, aínda que tamén se deseñan e desenvolven estancias nocturnas, durante a fin de semana.

O desenvolvemento das actividades ten lugar na vivenda de Fontiñas (en cesión por parte do IGVS da Xunta de Galicia), onde as persoas usuarias levan a cabo as diferentes tarefas domésticas que a xestión dun fogar require. Deste xeito, e sempre coa supervisión e apoio de profesionais, acádanse, grazas á colaboración entre participantes, as súas familias e os profesionais, os obxectivos para os que naceu este proxecto.

Colexio de Avogados
Coa achega do Concello financiarase a quenda de letrados/as especializados/as en dereito administrativo e laboral para prestar asistencia e asesoramento xurídico na vía previa administrativa e laboral e desafiuzamentos. O proxecto ten a finalidade de facilitar o asesoramento xurídico para a vía administrativa previa, de xeito que ningún sector da poboación, por carecer dos coñecementos xurídicos necesarios se vexa menoscabado no seu dereito a defensa. Para cada asunto é designado/a un/unha profesional da quenda de letrados especializados en dereito administrativo e laboral. O trámite para a solicitude de letrado é a cargo do persoal administrativo do Colexio.
Esta quenda especializada concrétase na asistencia e orientación ás persoas que acrediten insuficiencia de recursos económicos (de conformidade co baremo económico consignado nas normas de xustiza gratuíta), que residan no municipio de Santiago e precisen interpoñer os recursos administrativos previos á xurisdición contencioso-administrativa ou á xurisdición laboral de conformidade coas normas de xustiza gratuíta.

Tal orientación irá destinada a informar de xeito fidedigno o/a recorrente das posibilidades legais da actuación que pretende e que prevé o ordenamento xurídico perante o caso concreto, con indicación dos trámites, prazos e consecuencias que puideran derivarse, e a formulación do recurso que proceda na vía administrativa previa.

Este servizo de asistencia xurídica especializada rexerase polas regras de funcionamento que se teñan establecido polo Colexio de Avogados de Santiago para os servizos de orientación xurídica en xeral e as normas asistencia xurídica gratuíta.

Cáritas
Con Cáritas asínanse dous convenios: Atención primaria e Vagalume.
O primeiro deles, dotado co maior investimento, financia dous programas: o específico de atención primaria, que desenvolve Cáritas Interparroquial, e o programa Alares para persoas sen fogar.

ATENCIÓN PRIMARIA

Cáritas Interparroquial de Santiago, a través do programa de atención primaria, atende a persoas en risco de exclusión social, tratando de dar resposta a calquera demanda social que sexa precisa. O traballo oriéntase dende diferentes eidos: a acollida, usando a técnica da entrevista; a atención, por medio da cal se detectan as necesidades e a orixe do problema; e a resposta, dun xeito integral segundo a demanda.

Todos estes aspectos coordínanse cos servizos sociais comunitarios da Área de Políticas Sociais do Concello para a resolución e resposta inmediata ante solicitudes de axudas de emerxencia xa previamente valoradas polos/as técnicos/as municipais no marco do presente programa de atención primaria.

En segundo lugar, finánciase o programa ALARES de vivendas de transición á autonomía para persoas sen fogar, que desenvolve Cáritas Diocesana nun inmoble sito no barrio de Fontiñas de titularidade municipal.

Este proxecto nace para dar resposta á falta de recursos residenciais de media e longa estancia para aquelas persoas en grave risco e precariedade social nas condicións propias dun fogar. A finalidade desta vivenda/fogar é a de restaurar o seu proxecto vital, saír gradualmente desa situación de exclusión e reincorporarse de maneira activa exercitando todos os seus dereitos e participando en condicións de igualdade nos diferentes ámbitos locais da cidade. Considérase, polo tanto, esta vivenda como un medio para o acceso a outros dereitos, para iniciar procesos de cambio e mellora da situación das persoas ás que se atende.

PROGRAMA VAGALUME

O programa Vagalume de acompañamento a mulleres en contextos de prostitución busca continuar coa atención integral ás participantes nos seus procesos de desenvolvemento persoal que terían como obxectivo lograr o seu empoderamento persoal, social, familiar e laboral, especialmente no momento actual co aumento de vulnerabilidade social e de saúde por mor da situación de alerta COVID-19.

Para lograr este obxectivo incídese en diferentes áreas interrelacionadas a través de diversas actividades. Na área persoal facilítarase o apoio no relacionado coa saúde física e emocional e no desenvolvemento da vida diaria; na área social promóvese o acceso aos diferentes recursos e realizarase mediación cos mesmos, tanto para necesidades básicas como para proxectos sociais de inserción; na área de asesoría xurídica atenderanse as consultas relacionadas con temas xurídicos con afectación directa por situación do estado de alarma (documentación, prazos, procedementos xudiciais, alugueiros…); na área de saúde, mellora de calidade da vida e intelixencia emocional; na área formativa ofrécese formación prelaboral (adquisición de coñecementos culturais, habilidades sociais, xénero e violencia de xénero, saúde...); e na área laboral, competencias clave, orientación para unha busca activa de emprego e mediación cos diferentes recursos e/ou empregadoras/es.
O programa será executado con atención directa presencial ou en formato de teleatención en función das normas sanitarias vixentes por mor da situación de alerta causada pola COVID-19.

Cociña Económica
O obxecto do convenio é a financiación do programa para garantir as necesidades de manutención básica a persoas sen recursos do ano 2020. Tal e como establece o artigo 2º dos estatutos da Cocina Económica de Santiago, a finalidade-obxectivo desta Asociación é a de facilitar e proporcionar ás persoas que conten con limitados medios económicos, alimentos e comidas a prezos módicos. A Cocina Económica desenvolverá este programa proporcionando almorzos, comidas e ceas, sendo as datas destes servizos todos os días do ano 2020, menos os festivos e domingos, que non se darán ceas.
Os menús que ofrece a Cocina Económica están visados por nutricionistas, e son variados e equilibrados. Así mesmo, procúrase que as persoas usuarias manteñan unhas normas de respecto co persoal, co voluntariado e co resto das persoas usuarias, e un bo comportamento no comedor. A Cocina Económica tamén proporciona comidas para levar, cando algunha das persoas usuarias non pode acudir ao comedor por enfermidade, razóns laborais ou outros motivos, e tamén a petición da policía local cando algunha persoa usuaria se atopa detida. Polo tanto estas accións buscan cubrir unha das necesidades básicas das persoas como é a de poder ter diariamente unha alimentación equilibrada e saudable.

Fundación Secretariado Xitano
O programa Promociona, financiado a cargo deste convenio, é un programa de apoio e orientación educativa para xóvenes xitanos/as e as súas familias. As acción concrétanse en aulas de reforzo educativo; reforzo educativo individualizado; orientación educativa individualizada e grupal con familia e alumnado, facendo especial fincapé en capacitación competencial e dixital; coordinación con centros educativos e outros axentes e servizos.

Entre os obxectivos, favorecer a normalización educativa do alumnado xitano para conseguir taxas mais elevadas de éxito académico; facilitar a transición entre Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria, a permanencia no sistema educativo e a promoción a estudos superiores; xerar e potenciar as condicións necesarias para propiciar o éxito educativo da comunidade xitana e, en definitiva de toda a comunidade educativa mediante o traballo cos diferentes actores implicados: alumnado, familias, centros educativos e outros axentes sociais; e reducir a brecha dixital para potenciar o acceso e o uso do alumnado e das familias das ferramentas dixitais.

Compartir: