XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local destina máis de 9 millóns de euros ao novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar

07/08/2020 A Xunta de Goberno Local, nunha sesión extraordinaria celebrada este venres, iniciou o expediente para contratar o novo Servizo de Axuda no Fogar, cun tipo de licitación de 9.245,235 euros para un período de tres anos. Na sesión tamén se aprobaron convenios de colaboración con entidades sociais por valor de 104.000 euros e resolveuse a convocatoria de subvencións para o fomento da igualdade.

Os 9.245.235 euros do contrato do Servizo de Axuda no Fogar correspóndense cun período de tres anos (36 meses), prevendo o inicio en decembro de 2020 e o remate do mesmo en novembro de 2023. O cambio fundamental do novo contrato é que o custo por hora pasará dos 16 a algo máis de 18 euros e o aumento da cantidade de persoas atendidas. Así, o importe anual do servizo ascende de 1,9 a algo máis de 3 millóns de euros.

Os detalles deste contrato serán explicados en rolda de prensa o vindeiro mércores, 12 de agosto, pola concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro.

Programas en prol da igualdade
Outro dos acordos da XGL deste venres foi a resolución da convocatoria de subvencións para o fomento de programas e actividades en prol da igualdade efectiva entre mulleres e homes e das persoas do colectivo lésbico, gay, transexual, bisexual, queer e intersexual (LGTBQI), e de prevención e loita contra as violencias machistas para o ano 2020. Beneficiaranse dez entidades, que se repartirán un total de 25.397,60 euros, segundo a seguinte relación:

- Asociación de Viúvas Rosalía de Castro, 2.500 €.
- Asociación Plataforma Feminista Galega, 2.729,51 €.
- Sindicato Labrego Galego, 3.000 €.
- Hóckey Club Raxoi, 2.895 €
- Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela, 900 €.
- Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), 2.307,54 €.
- Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR) 3.000 €.
- Asociación para a Promoción e Integración das Mulleres Galegas do Rural (AGRA), 3.000 €.
- Federación Autismo Galicia, 2.375,55 €.
- Asociación Centinelas, 2.690 €.

Convenios sociais
Finalmente, tamén se aprobaron cinco novos convenios con entidades sociais, por un importe total de 104.000 euros, repartidos do seguinte xeito:

- Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM), 9.000 €.
- Centro Sociocultural Xoán XXIII, 60.000 €.
- Asociación de Dano Cerebral Sarela, 3.000 €.
- Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, 2.000 €.
- Cáritas Diocesana de Santiago, programa Vagalume, 30.000 €.

Compartir: