PLENO

Aprobado pola Corporación o estudo de detalle para a mellora da accesibilidade ao grupo de vivendas de San Ignacio de Loyola

30/07/2020 O Pleno da Corporación aprobou definitivamente e por unanimidade o estudo detalle para a dotación da accesibilidade ao grupo de vivendas de San Ignacio de Loyola, mediante a instalación de ascensores e a mellora da envolvente dos mesmos. Ademais, grazas a unha ordenanza, a veciñanza poderá acceder a unha convocatoria de axudas para a rehabilitación das súas vivendas.

Este estudo de detalle é un requisito imprescindible para que este conxunto de vivendas poida ter acceso á convocatoria de axudas de rehabilitación que prepara o Concello, destinada a persoas con escaseza de recursos. O Goberno municipal ten anunciado que esta convocatoria terá unha dotación económica dun millón de euros, dos que 800.000 procederán de fondos europeos e o resto serán achega municipal.

O estudo de detalle resolve o problema de accesibilidade destes edificios mediante a instalación de ascensores exteriores nas esquinas sur dos inmobles, comunicados coas vivendas a través duns corredores de planta, exteriores e cubertos. Tanto a envolvente do ascensor como as pasarelas de acceso ás vivendas levarán elementos prefabricados de formigón autónomos e estruturalmente independentes da edificación orixinal. Complementariamente, prevese a substitución dos panos das galerías existentes por unha carpintería de madeira tipo, co fin de mellorar a eficiencia enerxética e recuperar a imaxe unitaria do conxunto.

Este documento afecta a un ámbito, o de San Ignacio de Loyola, configurado por dous bloques, un de 12 e outro de 18 vivendas, situados na marxe sur da avenida do Mestre Mateo. Estes edificios ían ser derrubados e os seus veciños e veciñas realoxados noutras vivendas pola previsión de construír alí a Facultade de Medicina. Desbotada esa posibilidade e eliminada en 2018 no PXOM a reserva universitaria da parcela, agora ábrese a posibilidade da rehabilitación das vivendas.

Modificacións de crédito e adquisición de vehículos eléctricos
En materia financeira, aprobáronse tres modificacións de crédito: unha por 6.809,16 euros para o pagamento dos servizos de desinfección e limpeza da Cociña Económica e da praza de Abastos, a raíz da Covid-19; outra por 50.000 euros, destinada ao pagamento de material de protección tamén a raíz do coronavirus; e un por 4.074,31 euros, para obras de climatización da Escola Infantil do Tambre.

Ademais, deuse o visto bo a un crédito extraordinario por importe 370.500 euros, financiado co remanente líquido de tesourería, para a adquisición de vehículos eléctricos puros e vehículos eléctricos con etiqueta ambiental ECO e infraestruturas de recarga. Serían: catro vehículos tipo turismo etiqueta ECO e unha furgoneta eléctrica para a Policía Local; un turismo eléctrico para Protección Civil; unha furgoneta eléctrica para o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento; e a subministración de varias infraestruturas de recarga.

A segunda modificación e o crédito extraordinario foron aprobados por unanimidade, mentres que a primeira modificación recibiu a abstención do PP e, a terceira, a abstención de CA.

Área Central
No capítulo de proposicións, aprobouse unha presentada polo Partido Popular para por en marcha unha fórmula de colaboración co colectivo de comerciantes de Área Central, que permita "contribuír a que estas instalacións, cun marcado interese público, poidan manter uns servizos básicos mínimos para desenvolver coas debidas garantías de limpeza e seguridade as súas funcións". Esta proposta foi emendada por Compostela Aberta, no sentido de demandar un convenio entre o Concello e Área Central para o desenvolvemento dun proxecto de promoción do comercio de proximidade e dinamización social, económica, comercial e cultural do barrio das Fontiñas, que permita tamén garantir o mantemento dos empregos.

Javier Suárez-Vence Cabanillas, en representación de varias persoas afectadas pola situación, interveu no pleno. A proposición recibiu o voto favorable de PP, CA e BNG e a abstención do PSdeG-PSOE.

Abastecemento e saneamento
Tamén saíu adiante unha proposición presentada polo grupo municipal de Compostela Aberta, para crear unha comisión encargada de determinar a forma máis sostible e eficiente de xestionar os servizos de abastecemento de auga e saneamento. Tamén se pide que, unha vez creada esta comisión, se impulse un foro para abrir un debate público coa cidadanía e co tecido asociativo sobre este tema. Votaron a favor PP, CA e BNG e abstívose o PSdeG-PSOE.

Renuncias e minuto de silencio
O Pleno comezou cun minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero e da Covid-19, e coa presentación das renuncias de Martiño Noriega e Rafael Peña, concelleiros de Compostela Aberta, que deixan a Corporación. O alcalde e os voceiros e voceiras dos catro grupos municipais fixeron un recoñecemento ao traballo de ambos, que se despediron con emocionadas palabras.

Direcciones relacionadas



Compartir: