POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

O Territorio Xogantín ponse en marcha o luns 3 de agosto

28/07/2020 Un ano máis, a Concellaría de Políticas Lingüísticas propón tomar as rúas, as prazas e os parques para enredar libremente no Territorio Xogantín que ofrece Santiago de Compostela. O vindeiro 3 de agosto volverase xuntar un grupiño de nenas e nenos de 6 a 10 anos coas monitoras de Xandobela dende as 11:30 ás 13.:30 h, de luns a venres, na praza do 8 de Marzo, para facer súa a rúa.

O Territorio Xogantín ofrece un espazo de socialización en galego a través do xogo, contribuíndo ao coñecemento por parte dos nenos e nenas do patrimonio lingüístico vinculado ao xogo, e achegando a lingua como complemento de servizos atractivos e útiles para as persoas usuarias. Ademais, promove valores de solidariedade, igualdade e respecto polo medio; amplía o coñecemento e o uso dos espazos públicos por parte dos nenos e nenas; e fomenta a autonomía persoal dos nenos e nenas no espazo público.

Partindo dun punto de encontro fixo e logo da inscrición previa, os nenos e nena quedarán a cargo de monitores especializados para, durante dúas horas, poñer en práctica as habilidades necesarias para xogar en grupo e ocupar o tempo de lecer de xeito divertido, san, participativo, solidario, respectuoso co medio e en galego, de cara a ser quen de xogar sen intervención de guías, sen máquinas, xoguetes complexos ou grandes recursos.

Ata o 4 de setembro, na praza do 8 de Marzo
O punto de encontro situarase na praza do 8 de Marzo, na Porta do Camiño, convenientemente sinalizado. A partir deste referente, os grupos deberán moverse polas rúas e prazas da Cidade Histórica, segundo o requiran os diferentes xogos. Rematarán de novo no mesmo punto de encontro para devolvelos ás familias.

O Territorio Xogantín estará aberto de luns a venres dende o 3 de agosto ata o 4 de setembro, ámbolos dous incluídos.

Inscrición previa
Debido ás directrices vinculadas á pandemia, debe realizarase unha inscrición previa dos/das participantes na que ten que constar o día ou días que desexen participar e tamén unha declaración responsable sobre a saúde dos nenos e nenas nos 14 días previos. Acolleranse ata 30 participantes, en dous grupos de non máis de 15 nenos/as cada un.

Faranse inscricións por un período mínimo dunha semana, cubrindo o formulario dispoñible na páxina web do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago, logo da aceptación do protocolo de prevención da Covid-19 que o precede. O prazo de inscrición para cada semana do Territorio Xogantín remata ás 15:00 h do xoves anterior á semana escollida.

Direccións relacionadas



Compartir: