ALCALDÍA

Unha mostra na Alameda resalta a mestría e oficio do arquitecto Domingo de Andrade, persoeiro das artes galegas en 2020 e 2021

27/07/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, asistiron na Alameda á inauguración da exposición Domingo de Andrade: xenio e oficio, organizada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Son 24 paneis que mostran a traxectoria do mestre galego por diferentes localidades galegas.

Tamén asistiron ao acto inaugural a decana do COAG, Elena Ampudia, e os membros da Xunta Directiva da delegación de Santiago do COAG; o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo; e o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións da Xunta de Galicia, Román Rodríguez. Os autores desta mostra itinerante son os arquitectos e académicos numerarios da sección de Arquitectura da RAGBA, José Ramón Soraluce Blond e Ramón Yzquierdo Perrín, Ana Goy Perrín e Estefanía López Salas, que asistiron ao evento.

Andrade é o mestre galego ao que a Real Academia Galega de Bellas Artes dedica estes anos 2020 e 2021 o Día das Artes Galegas, para a difusión da súa figura e traxectoria artística. Andrade é un dos primeiros grandes arquitectos naturais de Galicia en pleno Barroco, mestre dos máis importantes artistas do século XVIII e figura destacada da arquitectura española nos dous campos onde exerceu o seu oficio, a retablística e a construción. A exposición consta de 24 paneis onde se mostra, con imaxes fotográficas, planos e textos, a súa longa traxectoria de obras e proxectos por distintas localidades galegas como Santiago, Lugo, Ourense, A Coruña, Oseira, Sobrado, Tui…

Construcións relixiosas e civís, templos e vivendas, claustros e sancristías, retablos e tabernáculos, mesmo escribiu un tratado de arquitectura. Os historiadores da arte seguen aportando constantemente novos datos e novas sobre a súa vida e produción, actualizando a visión que se ten da mesma.

Compartir: